Xunta de Galicia e sector acordan incrementar o aforo dos establecementos hostaleiros ao 50% a partir da próxima semana
A
decisión, froito dun encontro entre representantes sectoriais e o
conselleiro de Cultura e Turismo, aprobarase esta fin de semana na
próxima xuntanza do Cecop
A esquerda da imaxe, o conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, na xuntanza telemática de hoxe
Foto: X.G.
Realizouse un seguimento do proceso de apertura e das expectativas de
cara a temporada estival, na que xa se están rexistrando máis reservas
que cancelacións
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia e representantes do sector
acordaron incrementar o aforo dos establecementos hostaleiros ao 50% a
partir da próxima semana. A decisión, que xa foi avanzada o pasado
domingo polo presidente do Goberno galego, abordouse hoxe nun encontro
entre representantes sectoriais e o conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez. A intención é que se aprobe esta fin de semana na
próxima xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) co
obxectivo de que os bares, cafeterías ou restaurantes poidan aplicalo a
partir do próximo luns 1 de xuño.
O acordo chega despois de que
nas últimas instrucións publicadas no Boletín Oficial del Estado (BOE)
para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central
autorizase ás distintas Comunidades a ampliar o aforo máximo no interior
dos establecementos de restauración, pasando do 40% ao 50%.
Na
xuntanza participaron ademais a directora da Axencia Turismo de Galicia,
Nava Castro, así como representantes do Clúster Turismo de Galicia, da
Asociación Provincial de Hostelería de A Coruña, da Asociación
Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Lugo, da Federacion
de Hosteleria de Ourense, da Federación Provincial de Hostelería de
Pontevedra, da Asociación Hostelería Compostela, da Asociación de
Empresarios del Camino de Santiago a Finisterre y Muxía e do Consorcio
de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
Durante o encontro,
realizouse ademais un seguimento do proceso de apertura e analizáronse
as expectativas de cara a temporada estival. Segundo os representantes
do sector, coa entrada de Galicia na fase 2 da desescalada retomaron a
súa actividade preto do 50% dos establecementos de restauración e
agárdase que nos próximos días se vaian incorporando novos negocios. No
que respecta ás previsións nos negocios de aloxamento para o verán,
constátase que neste momento a cifra de reservas supera xa a de
cancelacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario