A Deputación de Pontevedra mantén o apoio ás dez Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional da provincia
Na xuntanza telemática cos concellos e organizadores/as confirmáronse as axudas "a fin de que non se perdan festas que son activos clave para o prestixio turístico"
Captura de pantalla correspondente a xuntanza telemática cos concellos e organizadores dos eventos
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra aposta por arrimar o ombro para manter o pulso das 10 Festas de Interese Nacional e Internacional da
provincia de Pontevedra. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias,
mantivo unha xuntanza virtual cos concellos e organizadores/as dos
eventos para confirmarlles que a institución provincial manterá o
financiamento para este ano e ofrécelles todo un abano de posibilidades
que van dende o cambio de datas ata a reformulación dos actos, pasando
tamén pola opción de centrarse na realización de accións promocionais,
de cara a edición de 2021.
A deputada confirmou o xa adiantado
pola presidenta Carmela Silva, na liña de que ningún evento turístico
perda pulo por mor de falta de apoio institucional nesta situación de
crise sanitaria causada pola Covid19. "Queremos seguir con vos porque
sabemos que sodes fundamentais para o prestixio turístico da nosa
provincia", afirmou Iglesias. "Estamos nun ano complicado, pero temos o
máximo interese en manter as axudas e contribuír no que faga falta para
que as festas se adapten tamén á "nova normalidade" e ás garantías
sanitarias".
Os organizadores/as dos principais eventos do
calendario festivo da provincia amosaron a súa satisfacción co anuncio e
agradeceron o compromiso da Deputación que, ademais de dar
tranquilidade no que atinxe ao soporte económico, pon a disposición dos
concellos, entidades e asociacións o asesoramento técnico e
administrativo para o desenvolvemento dos necesarios plans de
continxencia.
Na xuntanza de hoxe participaron os concellos e
organizacións de tódolos eventos que restan por celebrarse, unha vez que
a Festa do Cocido (Lalín) e a Festa da Arribada (Baiona) xa tiveron
lugar e a Festa da Reconquista (Vigo) foi suspendida por mor da
coincidencia co estado de alarma. Entre os asistentes estaban os
alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e O Grove, José Antonio Cacabelos,
ademais de concelleiros/as de Turismo, técnicos municipais e o
presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Monteagudo.
Os
responsables de cada unha das festas comentaron as súas incidencias
concretas e debullaron as diferentes opcións sobre a mesa para adiar o
evento, reformulalo a un formato que permita maiores garantías ou
reconvertelo a formatos online ou actividades de promoción de cara ao
ano próximo. A Deputación admitirá tódalas fórmulas e ofrécese a
acompañalos para poñelas en marcha.
A provincia conta dende este ano con 6 Festas de Interese Turístico Internacional:
a Festa da Arribada, de Baiona; a Festa do Cocido, de Lalín; a Rapa das
Bestas, de Sabucedo; o Corpus Christi, de Ponteareas; a Festa do
Albariño, de Cambados e a Romaría Viquinga, de Catoira. Ademais, hai
outras catro Festas de Interese Nacional:
a Festa da Reconquista, de Vigo; a Festa da Lamprea, de Arbo; a Festa
do Marisco, do Grove e a Festa da Auga (San Roque), de Vilagarcía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario