A Deputación de Pontevedra impulsa as obras dos ecocentros do proxecto ESTRAEE para a recollida de residuos electrónicos en 9 concellos da provincia
Os centros, nos que se están a investir 620.000 €, estarán rematados este verán en Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Bueu, Moaña, Cangas, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa
Infogauda / Pontevedra
No marco do proxecto ESTRAEE, "Estratexia Sostible Transfronteiriza
para a xestión de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos", a
Deputación de Pontevedra xa ten en marcha as obras de adaptación dos
puntos limpos dos nove concellos da provincia, integrados neste programa
europeo, con fin de convertelos en ecocentros sobrecualificados que
xestionarán o tratamento dos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e
electrónicos).
Deste xeito, e cun orzamento de 620.000 euros,
estanse a impulsar reformas e construción de almacéns para RAEE nos nove
concellos beneficiarios: Meaño, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas,
Nigrán, A Guarda, A Lama, Gondomar, Silleda e na Mancomunidade do
Morrazo, (con servizo para Bueu, Moaña e Cangas). Os traballos consisten
en enlousados de formigón, estruturas metálicas e bloques de peche, así
como a reutilización de elementos, instalación de iluminación, sistemas
de protección contra incendios e paneis indicativos. Con este programa,
se seguen a espallar as estratexias sostibles de xestión de residuos da
Deputación, así como a súa aposta polo medio ambiente cara a transición
ecolóxica e economía circular transfronteiriza.
Pola situación
xerada pola pandemia da COVID-19, o proxecto ESTRAEE adaptou a súa
estrutura á situación vixente para poder chegar ao seu fin e, así, as
actuacións continúan en marcha para que este verán estean os nove
ecocentros totalmente preparados e rematados. A día de hoxe é o de Meaño
o que ten toda a súa estrutura finalizada, estando tamén moi avanzadas
as obras en Vilagarcía de Arousa e Nigrán, e en marcha nos outros
concellos beneficiarios desta iniciativa.
ESTRAEE é un proxecto
que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75 % de
fondos da Unión Europea, que pretende dar un salto cualitativo na
xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da
protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A
Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto no que
participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla
experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica.
Ademais da
adecuación destes nove puntos limpos para convertelos en ecocentros,
ESTRAEE tamén está a desenvolver outras accións como a elaboración dun
borrador de ordenanza para os concellos sobre xestión sostible dos RAEE,
a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de RAEE e a
implantación da bolsa de recursos e materias primas secundarios. Todas
estas iniciativas, impulsadas polo proxecto europeo, están xa en marcha e
permitirán impulsar a economía circular nesta zona transfronteiriza que
abrangue a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario