19 de maio de 2020

ARMENTEIRA (PONTEVEDRA)

Grande acollida ao restablecemento das adopcións no CAAN do que, en só unha semana, saíron 29 animais cara ao seu novo fogar  
Nun só día foron adoptados oito cans e cadelas, entre eles "Ron" e "Roma", dous dos cachorros abandonados en abril nunha explotación gandeira en Rodeiro

     Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
  O grande interese amosado de xeito telefónico polos cans e cadelas do Centro CAAN da Deputación de Pontevedra mentres as adopcións estiveron interrompidas por mor do estado de alarma, veuse reflectido nestes últimos días coa excepcional acollida ao restablecemento deste servizo. Así, desde a pasada semana -en que a provincia entrou na fase 1 da desescalada e se retomaron as adopcións co sistema de cita previa- ata hoxe son xa 29 os animais do Centro de Acollida que saíron cara a un novo fogar.

  Como exemplo do interese polas adopcións, só este luns ata oito cans e cadelas puideron deixar as instalacións da Armenteira. Entre eles figuran, por exemplo, dous dos preciosos cachorros que en abril foran atopados abandonados nunha explotación gandeira de Rodeiro. Trátase de "Ron" e "Roma", adoptados agora por unha veciña de Vilagarcía de Arousa. No CAAN queda agora "Rona", a terceira desa camada, á espera de atopar unha nova casa. Tamén foi adoptada onte "Prada", outra cadeliña que fora recollida en Meaño xunto as súas tres irmás, abandonadas durante os días de confinamento, e que tamén se vai para Vilagarcía de Arousa.

  Coas últimas adopcións, xa son 123 as que leva o CAAN neste 2020, a pesar dos case dous meses de parón que supuxo o estado de alarma. Ademais, xa hai varias citas programadas para esta semana e solicitudes de información. Incluso persoas doutras provincias amosaron telefonicamente o seu interese por adoptar algún dos animais trala consulta da web do CAAN. A este respecto, hai que citar tamén que por exemplo o xoves 14 de maio saíron do centro cinco animais, entre os que figuraban dúas cadelas que viaxaron en transporte autorizado a Barcelona e outra a Asturias e cuxas adopcións formalizáronse coa mediación dunha protectora. Con todos estes datos, tanto a Deputación como o persoal do centro amosan o seu agradecemento á cidadanía pola súa espera durante os pasados meses para realizar unha adopción de xeito responsable e por esta grande acollida no restablecemento do servizo.

  Hai que lembrar que desde a actual nesta fase 1 da desescalada, o centro da Deputación mantén o sistema de cita previa para as visitas ás instalacións e para os procesos de adopcións. As persoas interesadas deben solicitar esta cita previa no teléfono 986 140 360 e, unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das distancias de seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario