“Medrando en Familia” volta adaptado ás novas demandas e convértese en “Medrando en Casa”
Dende Apoio Familiar pretenden que a iniciativa funcione coma un espazo común, no que as familias poidan facer achegas ou suxestións sobre as novas propostas de traballo
Infogauda / Tomiño
O programa “Medrando En Familia”, no que participan na actualidade 35 familias, segue ofrecendo apoio ás demandas para unha mellor crianza de fillos e fillas pequenos.
O Servizo de Educación e Apio Familiar (SEAF) do Concello de Tomiño, tivo que suspender as actividades presenciais programadas, cando se decretou o Estado de Alarma. Pasados dous meses, o programa reactívase, creando un espazo próximo e de confianza, só que a través das novas tecnoloxías de comunicación, como o WhatsApp, mentres se produce, de maneira gradual, á volta á normalidade.
Desde o SEAF, entenden que é preciso adaptarse á realidade actual, polo que darán continuidade ás actividades do programa Medrando en Familia, que pasa a chamarse Medrando en Casa. “Seguiremos ofrecendo apoio mediante obradoiros en liña maioritariamente, e así responderemos ás necesidades e inquedanzas das familias, para manter viva esta rede de apoio entre as mesmas, adaptando o programa a esta nova realidade”.
Ao mesmo tempo, pretenden que a iniciativa funcione coma un lugar común, no que as familias poidan facer achegas ou suxestións sobre as novas propostas de traballo. Nestes momentos 5 familias traballan a retirada de cueiro, e outras 15 forman parte activa do espazo virtual. “Gustaríanos contar coa vosa colaboración para o deseño desta nova andaina, e así seguir traballando en propostas orixinais e poder acompañarvos no fermoso proceso da crianza dunha maneira máis próxima”, comentan desde o servizo.
Pódese acceder ao formulario de inscrición pinchando na seguinte ligazón:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScjViYENlGKTVjuV36PiT9ggDk_32AmAMA0wEvIKhgFJVXvLw/viewform
Ningún comentario:
Publicar un comentario