NOVO ÉXITO PARA O ARTESÁN GENARO ALONSO MARTÍNEZ
• Logrou o 2º premio no 59 Concurso de Belens, organizado por Afundación
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Ainda que o advento - o primeiro período do ano litúrxico cristián, que consiste nun tempo de preparación espiritual para a celebración do nacemento de Xesús - non comezou; prácenos informar dunha boa nova: o artista Genaro Alonso Martínez (O Rosal, 1960), veciño do Coruto (Salcidos), onde reside, vén de lograr o 2º premio do 59º Concurso de Beléns, convocado por Afundación, e que de acordo coas bases, montou o autor persoalmente na localización que lle foi asignada, na ubicación da mostra, a Sala de Exposicións I da Sede (Rúa Policarpo Sanz, 26), de Vigo.
Non é a primeira vez que Genaro Alonso logra un galardón cos seus belens, xa que na edición precedente do devandito concurso, acadou o 3º premio; obra premiada, que o autor levouna para a parroquia de san Xoán Bautista, de Carballo (A Coruña), cuxo titular é o padre José García Gondar.
Os belens de Genaro Alonso son únicos, toda vez que súas creacións levan o selo inconfundible do seu privilexiado maxín. E ademais, en cada unha das súas obras, eleva a categoría de arte pezas metálicas (culleres, garfos, parafusos, piñóns, rodamentos,...), que teóricamente habían chegado a seus respectivos fins de ciclo útil. Nada máis lonxe da realidade, porque este veterano creador sabe ollar a beleza que cada trebello pode chegar a expresar logo de pasar polas súas inspiradas mans.
Non descubrimos nada novo. Genaro Alonso Martínez é unha persoa especial, inqueda e traballadora.
Este novo premio, vén a confirmar o que xa sabiamos: estamos referíndonos a un artesán xenial.
Outro exemplo do que decimos é o belén que fixo - e doou -, para a parroquia de santa Eulalia de Liáns, no concello de Oleiros (A Coruña), e que foi presentado nas datas de advento de 2021. Nacemento que ao longo de todo o nadal recibiu merecidos e sinceiros eloxios, tanto do párroco José Carlos Alonso Seoane, como dos fregueses e veciños da bisbarra que puidérono visitar ao longo dun mes, na igrexa nova de Santa Cruz. E as persoas que o desexen poderán facelo de novo, porque o belén xa foi montado novamente por Genaro Alonso, para celebrar o vindeiro nadal e a epifanía.
O belén que fixo Genaro Alonso, reflicte a mensaxe das diferentes esceas (portal, adoración dos reis Magos,...), relacionadas co nacemento de Xesús, desde unha inspiración artística xenuinamente autóctona galega; e ten - ademáis do peso específico que achega cada un dos materiais, entre eles o chumbo -, a beleza da arte feita con elementos de refugallo. Todo iso, combinado co bo gusto do autor - que acertadamente se autodenomina escultor de reciclaxe - ofrecendo como resultado final un belén do máis artístico que calquera que non coñeza á obra e a traxectoria deste creador, puidera imaxinar.
O día 6 de decembro, no Concello de A Guarda, inauguración do belén articulado
Ainda que non nos foi comunicada a hora da inauguración, o vindeiro día 6 de decembro, na Casa dos Alonso, terá lugar o acto de inauguración do belén articulado, da autoría de Genaro Alonso Martínez.
San Francisco de Asís, impulsor da tradición dos beléns, quedaría gratamente marabillado polo nacemento - toda unha obra de arte - que Genaro Alonso Martínez realizou para súa contemplación por toda a cidadanía guardesa e visitantes, na Casa do Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario