A Deputación de Pontevedra asina un convenio co CSIC para o impulso dun estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia
Carmela Silva: "O CSIC sempre foi imprescindible para tomar decisións intelixentes pero agora, coa COVID19, a sociedade por fin tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da Ciencia chegue á cidadanía"
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente Iria Lamas
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A posta en valor da investigación e da ciencia e a necesidade de
coidar a biodiversidade para evitar problemas presentes e futuros,
foron hoxe dúas das conclusións compartidas pola presidenta da
Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a vicepresidenta de Organización e
Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López-Alonso, na firma dun
convenio entre as dúas institucións para impulsar un estudo sobre os
produtos tradicionais locais da provincia. Na sinatura, na que tamén
participou a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente Iria
Lamas, ambas dirixentes destacaron a necesidade de impulsar
investigacións científicas para solucionar problemas que están a incidir
e incidirán na vida humana e que sirvan de ferramenta para tomar
"decisións intelixentes".
Carmela Silva quixo facer un
recoñecemento ao CSIC. "Sempre foi unha institución imprescindible e
orgullo de país pero, agora nestes tempos de COVID, a sociedade xa tomou
conciencia diso. É fundamental que o discurso da ciencia chegue á
cidadanía". A presidenta provincial lembrou que "levades moito tempo
alertando de que a perda de biodiversidade estaba a afectar moito á
sociedade, e que podía a crear problemas como o que temos. Hai que tomar
conciencia, engadiu, de que a biodiversidade é un elemento fundamental
para loitar contra pandemias presentes ou futuras".
A presidenta da Deputación tamén enxalzou a importancia do convenio
asinado, "moi relacionado ademais co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030
que para nós é unha prioridade de goberno, e por outro lado nos vai
permitir investigar sobre produtos galegos propios da nosa provincia,
saudables e de proximidade".
Pola súa banda a vicepresidenta de
Organización e Relacións Institucionais do CSIC Rosina López-Alonso
destacou o importante papel da investigación para facer fronte á novas
necesidades e crisis que van vir provocadas pola atención que prestemos
ao medio ambiente e á biodiversidade. "Se non atopamos unha solución
desde a investigación aos problemas que nós temos creado na nosa
contorna natural, imos ter unha situación moi difícil". "A imaxe da
investigación revalorizouse coa pandemia terrible que vivimos pero non
ten que ser por moda, ten que quedar para sempre". Respecto ao convenio
asinado coa Deputación de Pontevedra, López Alonso fixo fincapé na
necesidade de revalorizar as especies autóctonas galegas, e sinalou que
este estudo terá unha aplicación directa en temas como a agricultura, a
gastronomía e tamén nas tradicións e cultura de Galicia.
En
liñas xerais o convenio asinado entre a Deputación e o CSIC, a través da
Misión Biolóxica, que ten un importe de 50.000 euros, permitirá
impulsar unha investigación sobre produtos autóctonos e tradicionais
galegos como as coles, brécol, nabicol, millo corvo, leguminosas, vide e
oliveira, para manter o seu aproveitamento tendo en conta a súa
importancia na prevención de pragas e enfermidades. O convenio permitirá
xestionar, manter e multiplicar as coleccións de variedades locais
galegas; estudios de viabilidade de sementes; planificación de ensaios
en campo, invernadoiro e cámaras de crecemento; xestión e control das
cámaras de xermoplasma e climáticas de crecemento; multiplicación en
campo e invernadoiro de variedades con pouco poder xerminativo;
conservación e caracterización da biodiversidade mediante a toma de
datos vexetativos e reprodutivos de ensaios en campo e invernadoiro;
optimización da colección eliminando duplicados e informatización e
documentación de datos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario