26 de maio de 2020

O ROSAL

Primeiro pleno telemático da historia do Concello do Rosal  

· Celebrarase este xoves 28 de maio ás 20.30 horas  

· O regulamento de funcionamento do Punto Limpo ou a petición da creación dunha Unidade de Saúde Mental no Baixo Miño, entre as cuestións a tratar  

A alcaldesa Ánxela Fernández presidirá o pleno telemático que reunirá a todos os membros da Corporación Municipal por videoconferencia
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Pleno histórico no Rosal. O Concello celebrará esta semana por primeira vez un pleno telemático que reunirá a todos os membros da corporación de forma virtual, garantindo así tanto o funcionamento habitual da actividade municipal como a toma de medidas de prevención fronte a unha crise sanitaria aínda vixente. A sesión realizarase a través da plataforma de administración electrónica Xestiona, unha ferramenta proporcionada pola Deputación de Pontevedra que permite e facilita a relación telemática tamén entre Administracións públicas. 

 O pleno terá lugar o vindeiro xoves 28 de maio ás 20:30 horas. Entre os temas que se levarán a esta sesión estará a aprobación do regulamento de funcionamento do Punto Limpo do Rosal que garanta a correcta xestión dos residuos urbanos reciclables. “O obxectivo é ofrecer un mellor servizo á veciñanza, axilizando o seu uso e ofrecendo aos rosaleiros e rosaleiras información sobre o que se debe botar ao Punto Limpo, como levalo ata alí ou en que cantidade”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, que salienta tamén que esta regulación permitirá mellorar as taxas de reciclaxe de cara a acadar os obxectivos europeos”.  

 Por outra banda, dende a Alcaldía levarase a pleno unha proposta para solicitar á Xunta de Galicia a creación a través do Sergas dunha Unidade de Saúde Mental ambulatoria no Baixo Miño, como recurso básico de atención especializada na Mancomunidade. Este servizo atendería a unha poboación de 49.646 habitantes dos concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui e a petición recolle que debería estar dotada cun persoal mínimo de 2 psiquiatras, 1 psicólogo e 1 enfermeira. Trátase dunha proposta que conta co apoio de todos os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño e que se decidiu levar a pleno municipal en cada un dos concellos.   

 “As unidades de saúde mental de Cangas e Val Miñor son unha realidade, e a da Mancomunidade Condado-Paradanta xa deu os primeiros pasos para a súa creación. Non obstante, a pesar de recollerse no mesmo plan estratéxico de Saúde Mental 2006-2011, o do Baixo Miño permanece pendente e sen que exista data para o inicio da súa implantación. Nestes intres non existe unha atención suficiente e eficiente para os pacientes de saúde mental no Baixo Miño, que teñen que desprazarse a Vigo para ser atendidos”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario