6 de maio de 2020

LABORAL

A CIG denuncia a concesionaria do SAF do Porriño na Inspección por cargar no persoal o custe da crise sanitaria 

· A empresa Sociser quere descontar o tempo non traballado ou recuperalo cunha bolsa de horas ou con cargo ás vacacións 

Infogauda / O Porriño

 A representación sindical da CIG en Sociser, concesionaria do servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño, vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra a empresa porque pretende cargar sobre o cadro de persoal o custe da crise sanitaria. En concreto, quere descontar das nóminas o tempo non traballado ou recuperalo mediante a creación dunha bolsa de horas ou mesmo con cargo ás vacacións. 

 Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG do Porriño, o SAF atópase en servizos mínimos dende a entrada en vigor do decreto que regula o estado de alarma. En consecuencia, para evitar contaxios suspendéronse moitos servizos nos que as persoas usuarias contaban con familiares, ao tempo que se distribuíron aqueles que eran necesarios para ter expostas o mínimo de persoal e persoas usuarias. “Esta decisión axudou a que nese primeiro intre de falta de material de protección se puideran ofrecer os servizos con seguridade”.

 Neste contexto, a representación sindical propuxo a negociación dun permiso retribuído para que as persoas traballadoras que quedaban na casa con motivo da crise sanitaria puidesen cubrir as horas non traballadas. “As nóminas de abril estaban aínda sen pagar a día de onte, e a empresa, sen negociación previa, citou unha por unha as traballadoras nas oficinas do Porriño para que diante de dous xefes decidiran de xeito verbal como ían compensar o tempo traballado, ofrecéndolle a recuperación das horas non prestadas a conta de vacacións ou coa formación dunha bolsa de horas, ou directamente realizando un desconto da súa nómina”, critican.  

 Hoxe mesmo Sociser ingresoulle á maioría do persoal a nómina do mes de abril, abonándolles cantidades que non superan os 300 euros, “o que deixa as traballadoras sen ingresos mínimos para afrontar os seus gastos correntes, e impedindo debido a súa mala xestión que teñan acceso ás medidas previstas polo Goberno central”. 

 Tal e como sinalan dende a CIG, noutros servizos da comarca nos que a central non conta con representación está a acontecer exactamente o mesmo, “sendo as persoas traballadoras as que están a soportar o peso desta crise”.
  
Cobro da xornada mínima 

 Diante disto, censuran que de novo o persoal dun sector esencial -“pagado con cartos públicos e entregado a empresas sen escrúpulos”- como é o dos coidados básicos da vida diaria de milleiros de dependentes, está a ser maltratado, deixando as súas profesionais á cola de toda protección social, condenándoas á pobreza sen posibilidade algunha de acceder ás prestacións previstas”. 

 Por todo isto, esixen unha inmediata actuación da Inspección de Traballo no sector, obrigando as empresas a aportar medidas de compensación das horas non cobradas suspendidas pola alerta sanitaria, ademais de garantir o cobro da xornada mínima de 25 horas recollida no convenio de axuda de fogar de Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario