As terrazas ao aire libre en zona portuaria quedarán
exentas do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo
e o 11 de maio
A
presidenta de Portos de Galicia deu conta ao consello de administración
da aprobación desta resolución, que se atopa dispoñible para consulta
na web do ente público
Para o período posterior ao 11 de maio, o organismo dependente da Consellería do Mar adoptará medidas excepcionais de xeito individualizado para facilitar a colocación de mesas ou a ampliación de superficie
Infogauda / Galicia
Os propietarios dos negocios de
hostalería con terraza ao aire libre en espazos portuarios quedarán
exentos do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo
e o 11 de maio, toda vez que non se ten producido o feito impoñible
debido ás restricións de actividade motivadas pola crise sanitaria da
Covid-19. Esta medida vén de ser aprobada por resolución da presidenta
de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e trasladada ao consello de
administración do ente público na súa última reunión.
Susana
Lenguas explicou que Portos de Galicia comparte a preocupación do
conxunto dos sectores portuarios e administrados ante a repercusión
económica da crise sanitaria provocada pola covid-19. “O ente público
actuou de xeito inmediato unha vez decretado o estado de alarma a través
da posta en marcha de medidas de aplicación inmediata que entendemos
que están xa a aliviar en certa medida as dificultades actuais dos
usuarios que operan nos nosos portos e poderán facilitar a reactivación
da actividade económica”, expuxo a presidenta do ente dependente da
Consellería do Mar durante a celebración do consello de administración.
“Entre
estas medidas -engadiu Susana Lenguas- figura a decisión de adiar a
emisión de todas as taxas portuarias posteriores ao 13 de marzo ata dous
meses despois de terse levantado o estado de alarma”. Deste xeito,
Portos de Galicia contribúe a facilitar liquidez aos usuarios
portuarios, toda vez que a data de hoxe seguen sen emitirse liquidacións
dos impostos xerados durante os meses de marzo, abril e maio. Á vista
dos prazos coñecidos na actualidade, a previsión de emisión dos
primeiros recibos non será antes do mes de agosto.
A maiores
destas medidas de carácter inmediato, o ente público estudou nas pasadas
semanas outras alternativas encamiñadas a paliar a afectación económica
aos usuarios dos portos desta crise sanitaria. “En calquera caso a este
organismo autónomo sonlle de aplicación os preceptos da lei de taxas,
prezos e exencións, a lei de réxime financeiro e orzamentario de
Galicia, a lei xeral tributaria e a lei de Portos de Galicia, polo que
calquera medida que se puidese adoptar está suxeita a este marco”,
indicou Susana Lenguas. Neste marco xurídico, a presidenta do ente
público aprobou a resolución que exime do pago das taxas no período de
confinamento aos establecementos hostaleiros.
Polo que corresponde
ao período posterior ao 11 de maio, a presidenta de Portos explicou que
se tomarán medidas excepcionais de xeito individualizado para facilitar
a colocación de mesas ou a ampliación de superficie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario