A conselleira de Política Social, Fabiola García,
informou hoxe no Parlamento de Galicia de novas iniciativas para
reforzar o labor de inspección
Unha nova Orde permitirá a usuarios de residencias e familiares denunciar ante a Xunta as deficiencias dos centros
A conselleira de Política Social,
Fabiola García
Foto: X.G.
Foto: X.G.
O obxectivo é mellorar os procedementos de inspección para actuar cada vez con máis rapidez e contundencia fronte aos incumprimentos
Realizaranse campañas específicas para garantir que se respecta o patrimonio dos residentes e que se cumpre o réxime de prezos
Os inspectores de servizos sociais realizaron 37 inspeccións e incoaron catro expedientes sancionadores durante a pandemia
Infogauda / Galicia
A conselleira de Política Social,
Fabiola García, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno
galego iniciará nos vindeiros días a tramitación dunha nova orde que
reforzará o labor inspector ao facilitar que as persoas usuarias das
residencias e as súas familias poidan presentar directamente á Xunta as
súas queixas e denuncias e axilizar a súa resposta.
Fabiola García
sinalou que esta medida procura continuar co obxectivo da Xunta de
mellorar os procedementos de inspección para actuar cada vez con máis
rapidez e contundencia fronte aos incumprimentos. Tamén responden a este
compromiso outras iniciativas como a posta en marcha de campañas
específicas para asegurar que as residencias respecten o patrimonio dos
usuarios, garantir o cumprimento do réxime de prezos estipulado pola
administración, para evitar que se facture indebidamente por extras ás
familias e a futura actualización da normativa que regula os centros de
atención ás persoas maiores.
Neste sentido, a conselleira apuntou
que o Plan de inspección para 2020 prevé realizar máis de 1500 a centros
de servizos sociais, un 20% máis das programadas o ano pasado. No que
vai de lexislatura e ata o inicio desta crise, abríronse 33 expedientes
sancionadores a residencias de maiores e pecháronse dous centros. Xa
durante a pandemia os inspectores de servizos sociais acudiron a outros
37 centros e incoaron catro expedientes sancionadores.
Anticipación, transparencia e contundencia
Fabiola
García defendeu a xestión da Xunta nas residencias fronte á falta de
acción do Goberno central, que desatendeu estes centros pese a ter
asumido o mando único nesta emerxencia sanitaria. Así, explicou que a
actuación do Executivo galego fundamentouse en tres premisas. A primeira
delas foi a anticipación, posto que a Xunta limitou as visitas nestes
centros antes de que o Goberno central declarase o estado de alarma e
contou cun protocolo de actuación antes de que o Ministerio de Sanidade
elaborase un para toda España.
A segunda foi a da transparencia ao
dar a coñecer diariamente o número de contaxios e falecementos, pola
contra o Executivo central non fixo públicos estes datos que as
comunidades lle facilitan desde hai máis dun mes. E a terceira premisa
consistiu na contundencia, ao asumir a autoridade sanitaria a tutela de
todas as residencias, coa intervención de centros nos que o avance do
virus puxera en risco a calidade asistencial e coa creación de
residencias integradas para atender a persoas maiores contaxiadas.
Recoñecemento aos profesionais
A
conselleira de Política Social gabou o traballo do persoal dos centros
residenciais para frear o virus. Estes centros foron reforzados por 1013
profesionais de centros de día, de centros de educación especial ou
doutros ámbitos. Dentro da estratexia da Xunta para combater esta
pandemia tamén subliñou que se fixeron probas ao 100% dos usuarios das
residencias.
Con estas medidas —segundo as estatísticas feitas
públicas polos medios de comunicación— Galicia sitúase como a quinta
Comunidade Autónoma de España con menos falecementos en relación ás
prazas de maiores e a segunda onde menos penetrou o coronavirus nas
residencias. Ademais, a porcentaxe de finados entre usuarios de
residencias con respecto ao total de mortes con coronavirus é 18 puntos
menor que no conxunto de España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario