Os museos da Xunta de Galicia celebrarán o seu día cun amplo abano de actividades dixitais e en liña
A conmemoración céntrase este ano en festexar a diversidade e pon o foco nos múltiples xeitos nos que esta enriquece ás sociedades e ás persoas
As redes sociais dos diferentes centros ofrecerán unha programación
cultural específica con actividades, vídeos e publicacións para coñecer
máis de preto o seu labor co gallo do Día dos Museos, que se celebra o
vindeiro luns 18
Estas accións enmárcanse na programación dixital
impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo que pode seguirse na web
e as redes de #aculturasegue
A conmemoración céntrase este ano en festexar a diversidade e pon o foco nos múltiples xeitos nos que esta enriquece ás sociedades e ás persoas
Infogauda / Galicia
A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro
luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco
na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de
actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de
confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo
abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se
sumarán as seguintes accións.
Belas Artes: un artista en cada casa
O
Museo de Belas Artes da Coruña ten en marcha o concurso #museonacasa e
#artenacasa a través das súas redes sociais. O obxectivo é poñer en
valor as dotes creativas de pequenos e maiores, que deberán crear unha
obra artística a partir das nove pezas propostas, procedentes da
colección permanente do Museo. Pode ser unha pintura, unha fotografía,
vídeo, dramatización ou mesmo unha creación gastronómica. O día 18
publicarase na web do Museo unha exposición virtual coas obras
seleccionadas de entre as participantes. Así mesmo, outra das
iniciativas do Museo de Belas Artes é a creación dun vídeo testemuñal
con diversas voces vinculadas co Museo e cos seus fondos.
Obradoiros inclusivos no CGAC
O
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) súmase á celebración cun
obradoiro online do proxecto Aula diversa, un programa de educación
artística para a integración de persoas con discapacidade no que a arte
contemporánea funciona como ferramenta de inclusión social e o museo
como espazo de aprendizaxe aberto ao encontro das diferenzas. Terá lugar
o mércores 20 de 17,00 a 19,00 h. Ademais, o CGAC levará a cabo outros
dous obradoiros online para familias nos que se explorará o traballo da
artista arxentina Liliana Porter. Nestas sesións, que terán lugar o
sábado 23 e o domingo 24 de 11,00 a 13,00 h., os xoguetes da casa serán
os protagonistas de novas aventuras. As persoas interesadas en
participar en calquera destas actividades deberán inscribirse no email
cgac.educacion@xunta.gal.
Concertos e monólogos en Peregrinacións
O
Museo das Peregrinacións e de Santiago adianta a celebración do Día dos
Museos e comezará coa actividade festiva nas súas redes sociais este
venres ás 20,30 h. cando ofrecerá a posibilidade de facer meditación e
relaxación online, en consonancia con algúns dos seus contidos
expositivos que fan referencia ás culturas orientais que popularizaron
estas prácticas. O sábado a partir das 17,00 h. levarase a cabo un
obradoiro infantil no que os máis pequenos poderán participar nunha
actividade na que realizarán creacións baseadas en animais reais ou nas
súas figuracións míticas. Esta actividade estará guiada a través dunha
plataforma online e para participar é preciso inscribirse previamente a
través das canles do museo. Tamén o sábado ás 20,00 h. terá lugar un
concerto virtual a cargo de Ensemble Egeria, un quinteto de música vocal
feminino especializado en música antiga. O colofón final ás
celebracións terá lugar o domingo ás 19,00 h. co monólogo do actor e
dramaturgo Quico Cadaval que relatará contos e historias baseadas nas
tradicións tanto do noso país como doutros que conectan co Camiño de
Santiago.
Ribadavia cos centros de maiores
Na liña da
inclusión social, o Museo Etnolóxico de Ribadavia propón unha
presentación audiovisual do traballo que este equipamento vén
desenvolvendo desde o inicio do confinamento con centros da terceira
idade, buscando superar a fenda dixital mediante a inclusión das persoas
que non teñen acceso ou non coñecen as novas tecnoloxías.
Ademais,
o Museo do Viño de Galicia propón un brinde simbólico virtual baixo o
lema Este brinde vai para a nosa mellor colleita. Un brinde que reunirá a
representantes das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia e ás
catro indicacións xeográficas protexidas.
O Museo Arqueolóxico de Ourense desde dentro
Pola
súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense busca achegarse
ás persoas que non son público habitual do Museo a través dun vídeo nas
súas redes sociais con testemuños de distintos colectivos da cidade
sobre as súas necesidades ou impresións de cara ao Museo. Así mesmo,
ofrecerá unha montaxe na cal o persoal de todo o museo presentarase e
explicará cales son as súas tarefas no Museo. Por último, ofrecerá tamén
a posibilidade de xogar a persoas de todas as idades resolvendo
quebracabezas con imaxes de pezas do Museo ou da súa fachada.
Documentos históricos no Museo Massó de Bueu
A
programación do Museo Massó de Bueu estará accesible a partir do
vindeiro luns e rescatará a través dunha aplicación multimedia o
catálogo editado pola empresa Massó Hermanos SA en 1924. Trátase dun
documento deseñado por Federico Ribas, que conta con fotografías nas que
se deixa constancia das distintas fases de traballo da conserveira
Massó de Bueu e que son testemuños do peso que tivo e ten a man de obra
feminina na industria conserveira. Tamén se poderá ver un vídeo
divulgativo realizado a partir de dito catálogo e acceder ao almanaque
2020 elaborado con fotografías sobre esta temática. Ademais, o museo pon
a disposición dos internautas un quebracabezas dixital.
Lecturas sobre diversidade en Viladonga
Por
último, o Museo do Castro de Viladonga levará ao seu terreo a lectura
deste ano sobre a diversidade de perspectivas que conforman as
comunidades, partindo do Castro e do museo como lugar de diversidade
cultural e inclusión de dúas culturas: a castrexa e a romana.
Arquivos e Biblioteca de Galicia
Outros
equipamentos culturais da Xunta participarán tamén na celebración desta
efeméride a través de diversas actividades. Así, o Arquivo Dixital de
Galicia centrará as súas publicacións en redes sociais nos museos
arqueolóxicos, centros fundamentais no estudo e difusión dos achádegos
que nos aproximan ao coñecemento da nosa propia historia.
O
Arquivo do Reino de Galicia divulgará o proxecto de Gónzalez Villar de
1929, Edificio para Museo Provincial de Bellas Artes y Archivo Histórico
de Galicia y urbanización de la Plaza del Marqués de San Martín. Pola
súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense lembrará nas súas
redes o papel da Comisión Provincial de Monumentos desta provincia na
creación do Museo Arqueolóxico da cidade e o Arquivo Histórico
Provincial de Lugo publicará o luns 18 no seu Facebook o proxecto de
obra do Museo Provincial de Lugo.
Para rematar, a Biblioteca de
Galicia ofrecerá o vindeiro luns un micrositio dedicado aos museos de
Galicia para que os usuarios poidan coñecer os incunables que custodia o
Museo Massó ou algúns dos manuscritos de temática xacobea que conserva o
Museo das Peregrinacións e de Santiago. Así mesmo, a través dunha
publicación na súa páxina web, a Biblioteca de Galicia achegará algunhas
curiosidades na historia dos museos galegos extraídas dos fondos
bibliográficos, tanto físicos como dixitais que custodia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario