O presidente do Goberno galego compareceu este mediodía para dar conta da actual situación con respecto ao coronavirus
Feijóo convoca aos partidos políticos para abordar a convocatoria electoral tras coñecer os informes que sitúan o principio do verán como o momento máis seguro
Alberto
Núñez Feijóo, convocou este mediodía aos partidos políticos galegos para
abordar a convocatoria electoral
Foto: X.G.
“Acabo de remitir estes informes aos partidos políticos para que poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e reflexións”, avanza
Asevera que a Xunta segue traballando na prioridade, que non é outra que
a loita contra a pandemia e a reactivación social, laboral e económica
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, convocou este mediodía aos partidos políticos galegos para
abordar a convocatoria electoral, tras coñecer os informes dos expertos
que sitúan o principio do verán como o momento máis seguro. “Acabo de
remitir estes informes aos partidos políticos para que poidan avalialos e
convócoos a unha reunión mañá para escoitar a súas opinións e
reflexións. A partir da opinión dos expertos -e tamén escoitarei a
opinión dos partidos políticos-, tomarei a decisión que creo sexa a máis
responsable”, abundou.
Despois de que a pandemia obrigase a
suspender o proceso electoral previsto para o 5 de abril, e co
compromiso de activalo de novo “no prazo máis breve posible”, Feijóo
trasladou hoxe o contido dos informes sanitarios -informe da área de
Saúde Pública da Xunta, do presidente da Sociedade Galega de Medicina
Intensiva, do presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de
Galicia e do xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC- e do informe da
Asesoría Xurídica da Xunta, encamiñados a orientar unha decisión “que
non é, en ningún caso, sinxela”.
Así, desde o punto de vista
sanitario, e sempre que se manteñan as previsións, o presidente da Xunta
trasladou que os expertos coinciden en que o momento que pode ofrecer
menos incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a
seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios. Pola
contra, as incertezas increméntanse canto máis avance o ano, restando
garantías para que se poida celebrar un proceso electoral en condicións
sanitarias axeitadas.
Sobre este último punto, explicou, entre
outros aspectos, que os meses de maior recepción de visitantes na
Comunidade son xullo e agosto, “o que pode expoñernos a máis contaxios
importados”; as condicións meteorolóxicas do verán -temperaturas
maiores, raios ultravioleta- poderían contribuír a reducir o impacto do
virus; “e os modelos epidemiolóxicos non descartan un novo pico da
enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.
O
responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña
que se dan as condicións xurídicas para a convocatoria e celebración
dunhas novas eleccións, considerando que se se estima que as condicións
poden ser peores no outono, o prudente e correcto é proceder a unha nova
convocatoria á maior brevidade, para non poñer en perigo o dereito
fundamental do sufraxio activo e pasivo.
“En definitiva, a
Asesoría Xurídica indica que as eleccións poderían convocarse á maior
brevidade; e os informes sanitarios conclúen que o mellor momento para a
celebración das eleccións conta con maiores garantías a principios do
verán que a finais do verán”, expuxo.
A Xunta segue traballando na prioridade: a loita contra a pandemia
En
calquera caso, Feijóo aseverou que o Goberno galego segue traballando
na prioridade, que non é outra que a loita contra a pandemia e a
reactivación social, laboral e económica das familias e das empresas
galegas. “En Galicia contivemos máis o virus pero, mentres non haxa unha
vacina, segue existindo agora, seguirá existindo en xullo e seguirá
existindo en setembro; e esta obrigada convocatoria electoral non vai
variar a prioridade da Xunta, nin a de -estou convencido- os partidos
políticos de Galicia”, aseverou, subliñando que esta mesma semana
espérase contar cos resultados definitivos da primeira ola do informe
epidemiolóxico, cuxos primeiros datos permiten chegar a unha conclusión:
Galicia contivo máis o virus e a poboación galega afectada sitúase no
entorno do 1%.
Nesta mesma liña, destacou que a Administración
autonómica xa ten practicamente ultimado un protocolo de reactivación
sociosanitaria referido a centros de día, de maiores e de discapacidade;
cun marco de actuación xeral e liñas específicas para garantir a
apertura paulatina, gradual e segura.
“A semana pasada aprobamos
un protocolo sobre a reactivación da Atención Primaria e este luns
aprobamos tamén: un protocolo para a reactivación da actividade
ordinaria hospitalaria, un protocolo clínico asistencial para o uso de
plasma hiperinmune e un protocolo de finalización na realización das
probas test a todos os profesionais -sanitarios e non sanitarios- do
Sergas”, engadiu, ademais da aprobación dun plan para garantir a
reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial de forma
gradual e segura.
Por último, Feijóo incidiu tamén na necesidade
de evitar as improvisacións no eido educativo. Ao respecto, resaltou a
xuntanza que a Consellería manterá esta tarde con anpas e sindicatos
para abordar a posición de Galicia ante a Conferencia sectorial que terá
lugar mañá. “É imprescindible coñecer os protocolos de volta ás aulas,
saber como se vai iniciar o vindeiro curso e tamén, como e en que casos
se poden retomar parcialmente as tarefas educativas no que queda de
curso”, recalcou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario