20 de maio de 2020

CULTURA

Nace a primeira Escola de Letras de Galicia da man da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia  

Carmela Silva: "Este lanzamento é un soño cumprido que volve a converter a esta provincia nunha referencia, e unha nova aposta pola cultura como necesidade vital"
 
A presidenta da Deputación de Pontevedra, na presentación por videoconferencia, da Escola de Letras de Galicia
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  "Tod@s temos unha historia que contar". Baixo este lema como sinal de identidade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentaron hoxe a que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das poucas existentes no Estado, "a primeira que nace coa potencia dun apoio editorial", como ambos sinalaron na rolda telemática, na que tamén participou a deputada de Cultura Victoria Alonso.

  "Falamos dun proxecto no que a Deputación e Galaxia levamos traballando case un ano", subliñou Carmela Silva, que definiu este lanzamento como "un soño cumprido que converte a esta provincia de novo nunha referencia". "É unha idea marabillosa, dixo, que apoia directamente ás escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón". Carmela Silva incidiu no refuxio seguro que ten sido a literatura no confinamento, e sinalou que "agora, fronte ao ruído que non aporta nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital. Deixemos a palabrería e démoslle sitio á palabra". A presidenta da Deputación, asegurou que "esta Escola supón o pracer de usar a palabra como instrumento de comunicación individual e colectivo, e non é unha idea efémera, a Escola chega para crecer e permanecer".

  Pola súa banda o director da Editorial Galaxia Francisco Castro amosou a súa ledicia por sacar á luz "a Escola de Letras, un proxecto novidoso e único a nivel galego e estatal, porque non existe nada así". Castro agradeceu á Deputación "a súa complicidade coa cultura o que nos axuda a materializar proxectos como este que contribúen a transformar a realidade". O director de Galaxia, subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar "as súas historias" e "converter en literatura as súas vidas". "O único requisito marcado para participar, dixo é ter amor pola palabra e a literatura". Castro, que definiu o proxecto como moi ambicioso "que pretende transformar a realidade. Será un lugar para soñar a través da palabra".

  O director de Galaxia detallou que a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra terá un dobre emprazamento nas sedes provinciais de Vigo e Pontevedra e contará cunha oferta formativa dun gran poder lúdico que unirá literatura e pracer e que permitirá ás persoas asistentes gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada. Amais, estará aberta á participación de calquera persoa interesada, a partir dos 16 anos, xa que o alumnado non terá que ter coñecementos previos de ningunha clase e recibirá todo o material na propia Escola. A súa posta en funcionamento terá que adaptarse aos tempos e medidas que vaia marcando a evolución da pandemia da Covid19, xa que o cronograma previsto para o comezo tivo que reformularse pola crise sanitaria. "Se as autoridades sanitarias o permiten o primeiro obradoiro, sobre escritura creativa, terá lugar na segunda quincena de xuño en Vigo e, posteriormente, a Escola continuará o seu curso en setembro, con ata 9 obradoiros más repartidos entre Vigo e Pontevedra".

  A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, dun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores. É dicir, "unha formación personalizada porque queremos que escriban", impartida por autoras e autores de dilatada traxectoria, primeiras espadas da literatura galega, e con experiencia na dirección para todos os chanzos de idade. Así, a acción da Escola gravitará  arredor destes obradoiros literarios en ambas sedes da Deputación. En Vigo se impartirán o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o obradoiro de Poesía de Perfeccionamento e o obradoiro Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico.

  A acción da Escola de Letras tamén desenvolverase ao través de encontros con profesionais do mundo do libro, ou da realización de recitais con público onde dar a coñecer o froito do seu traballo. Amais, publicarase un libro dentro do Catálogo da Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante. "O importante, sinalou Castro, non é só crear, senón tamén sacar á luz esas creacións". Igualmente, a Escola ten tamén o seu logotipo con tipografía propia, "un logotipo que foi feito pensando na idea da felicidade que transmite a literatura e que expresa o concepto do bo rollo". Tamén se traballará na presenza nas redes Sociais a fin de crear  comunidade, e como ferramenta de comunicación continua entre as persoas participantes antes, durante, e despois da actividade, así como co conxunto da cidadanía. Falamos, polo tanto dun proxecto novidoso que apoia e fomenta a cultura na súa vertente máis literaria e que pretende darlle á cidadanía unha oportunidade para fomentar a imaxinación e o gusto pola literatura, cunha axuda dirixida para que sexan quen de crear textos literarios propios.

  Para as persoas que estean interesadas en participar, a partir deste xoves, 21 de maio, Galaxia habilitará unha conta de correo para que poidan formalizar a súa solicitude, que será atendida por rigoroso orde de entrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario