PATRIMONIO MARÍTIMO
“MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”, AS SINAIS DE IDENTIDADE DA COMUNIDADE PESCADORA GUARDESA
· A publicación, da autoría de Agustín Ferreira Lorezno, está editada pola Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM
Capa do libro “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”, de Agustín Ferreira Lorenzo
Foto: Infogauda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
De mans de Agustín Ferreira Lorenzo, o activo
presidente e co-fundador da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), o
colectivo conservacionista que nos seus 35 anos de existencia (1985-2020), máis
labor leva desenvolvido a prol da difusión, defensa, estudos e conservación do
patrimonio natural da bisbarra galaico-miñota; vimos de recibir “MARCAS E
SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”.
A publicación, editada por ANABAM e
subvencionada pola Xunta de Galicia, está asinada por Agustín Ferreira Lorenzo,
que acertadamente nela inclúe unha elocuente cita:
“Olvidar
o pasado,
leva perder a
memoria.
Grande perda
irreparable,
aquela que non
se recorda”.
Como é de ben nacidos, ser agradecidos, o
autor deixa puntual constancia do seu agradecemento “(...) á Asociación Piueiro
polas facilidades e o apoio dado na recollida das marcas”; “a Celso Rodríguez
Fariñas, pola colaboura prestada”; “a Anselmo Martínez Pena pola implicación
directa na recollida de marcas así como tirando fotografías; “a José Antonio
Uris Guisantes, que aportou algunhas das fotografías que figuran no libro”; aos
seus “compañeiros na asociación, Manuel A. Pombal Diego, que colaborou na parte fotográfica e a Antón Ferreira que
aportou fotografías e valiosa información de primeira man recollida ao longo do
tempo por el mesmo”; e “por suposto a Asociación ANABAM que, unha vez máis,
aportou a colaboración necesaria, tanto desde o punto de vista de axuda
económica como de traballo, ademáis da organización de exposicións relacionadas
coas marcas en particular, e co mundo do mar en xeral”.
Como vai ser a tónica ao longo de todo libro prácticamente,
Agustín Ferreira Lorenzo, recolle unha importante cantidade de imaxes
fotográficas - tanto en b/n como a toda cor - ademáis doutros recursos materiais
e inmateriais (debuxos, motes, anotacións,...) cos cales documenta seu traballo.
E todo iso perfectamente hilvanado ao longo da publicación, combinando á
información recollida cos elementos gráficos.
Como oportunamente lembra o autor “é esta a segunda publicación monográfica
editada por ANABAM sobre as MARCAS MARIÑEIRAS da Guarda, logo daquela
emblemática que saira á luz no ano 1995 da autoría de Antón Ferreira. Dende
esta asociación sempre quixemos que esta parte da etnografía guardesa
continuase a estar entre a poboación local; por iso, ano tras ano, dun xeito ou
doutro, tratamos de que as marcas non pasasen ao esquecemento (...)”.
“Temos que lembrar – salienta o autor – que foi o membro desta asociación, Antón Ferreira, quen comezou a
ocuparse da temática mariñeira coa recollida de diverso material que estaba
destinado ao vertedoiro municipal ou a ser queimado nas fogueiras de San Xoán e
San Pedro, a mediados da década dos oitenta do século pasado (...)”.
Ademáis de lembrar as diferentes exposición
organizadas, Agustín Ferreira Lorenzo, documenta os acordos acadados con ACIGU
e o Concello de A Guarda, respectivamente, así como outras actividades
desenvolvidas ata hoxendía.
No libro cita tamén ás persoas que na década
dos oitenta foron os primeiros estudosos das marcas mariñeiras: Eliseo Alonso,
Ricardo Rodríguez Vicente e Antón Ferreira Lorenzo.
A exposición das marcas dos mariñeiros de
Póvoa de Varzim, organizada polo Museo Municipal de Etnografía e Historia de
Póvoa de Varzim e pola Comisión de Festas do Monte Santa Trega; que tivo lugar
na vila de A Guarda, no mes de agosto de 1983, sería o que nos abriría os ollos
para que non demorásemos en poñernos a traballar na recolleita de información
oral e de material etnográfico. Esa mostra, que contou coa participación
directa do avogado e emprendedor, Valentín Paz Andrade; do escritor, poeta e
investigador, Eliseo Alonso Rodríguez; do presidente naquela altura, da Câmara
Municipal de Póvoa de Varzim; así como de Manuel Álvarez Alonso, presidente da
Comisión de Festas do Monte Santa Trega, e de Jesús Castro “Chaval”, patrón
maior da Confraría de Pescadores “Santa Tecla”, marcaría un antes e un despois
no que respecta ao patrimonio marítimo de A Guarda. E como posteriormente
teríamos oportunidades varias, de cultivar o secular vencello entre guardeses e
poveiros, a relación e a colaboura entre as persoas da Póvoa de Varzim e da Guarda
sería cada vez máis estreita. Boa proba diso foi á primeira singradura da “Fé em Deus”, desde o porto da Póvoa de
Varzim ata o de A Guarda.
Andado o tempo, a Lancha Poveira do Alto,
tería como irmá o volanteiro guardés “Piueiro”.
Todo un logro colectivo propiciado pola Asociación Cultural de Embarcacións
Tradicionais Piueiro.
O libro “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA
GUARDA”, de Agustín Ferreira Lorenzo, é unha achega formidable á recuperación
do patrimonio marítimo e da nosa memoria como pobo mariñeiro de tradición
milenaria. Nas súas páxinas hai moito para ler, para lembrar, para suscitar
conversas familiares, para evocar os que por imperativos de forza maior, xa non
están entre nós,.... E sobor de todo, nese libro está toda unha galería de sabios
pescadores. De homes de mar, coas súas señas identitarias. Nomes, apelidos,
alcumes, fotografías e súas marcas. E son elas – ás marcas – as que nos ofrecen
unha riqueza que nos viu, con toda probabilidade doutras latitudes, de pobos
mariñeiros cos que compartimos – e temos constancia do que decimos - parte do
seu ADN.
A coidada publicación vén a poñer ainda en máis
valor, o magnífico legado etnográfico da comunidade mariñeira guardesa. Unha
tarefa, na que compre salientar a adicación e o agarimo demostrado polos irmáns
Agustín e Antón Lorenzo Lorenzo, desde á Asociación Naturalista “Baixo Miño”.
Ainda queda moito por facer para ter unha
visión o máis completa posible do que fomos e do que somos. Da nosa historia como pobo e do que queremos
amosarlles ás xeracións vindeiras e tamén os que nos visitan. Propomos que non
deixemos ao esquecemento, a máis que merecida homenaxe a Eliseo Alonso, que non
debera demorarse por máis tempo. E porqué non, á recuperación dalgunha das
antigas casas de pescadores. Algunhas presentan a día de hoxe – e desde fai
décadas – un penoso estado de conservación. Recuperar e rehabilitar
museísticamente, algunha desas vivendas non é tarefa imposible se nolo
propomos. E hai recursos para iso. O reto queda aí.
Nosos parabens a Agustín Ferreira Lorenzo e a
todas ás persoas que coas súas achegas (orais, materiais, etc.) fixeron posible
a publicación do libro “MARCAS E SIGLAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA”. Unha obra - en realidade, un verdadeiro tesouro - que non debera botarse en falla en ningún fogar guardés que se precie.
Ningún comentario:
Publicar un comentario