O concello reactiva a obra pública e as contratacións de persoal
• O alcalde Antonio Lomba Baz, trasladou na reunión de portavoces que o concello ten impulsado obra nova e está tramitando novos expedientes de contratación de inversións para a localidade
• Estase facendo un importante esforzo para activar a selección do persoal do plan concellos da que quedara pendente coa declaración do Estado de Alarma
Maquinaria correspondente as obras que se están desenvolvendo na rúa A Cal
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Goberno Municipal de A Guarda vén de facer público que "as obras que se están desenvolvendo nestes momentos na localidade afectan a rúa San Queitano e a rúa Cal. Está pendente de rematar a primeira fase do plan de accesibilidade no seu tramo correspondente a rúa Galicia, nesta rúa están pendentes de elevar varios pasos de peóns".
Ademais iniciáronse as obras da rotonda da praia do Forte (Camposancos), obra que licitou a Deputación de Pontevedra, que permite a unión da senda litoral coa senda da desembocadura do Miño.
"O concello de A Guarda está impulsando a contratación de obras, que contan con dispoñibilidade financeira", e que "son importantes para o executivo local debido a que constitúen un revulsivo para a actividade económica, afectando de xeito directo á contratación e xeración de postos de traballo e, de xeito indirecto debido a incidencia que teñen noutros sectores pola adquisición de materiais, aluguer de maquinaria, etc."
Nestes intres dende o departamento técnico do concello se está a tramitar a obra da rúa Calvario (3ª fase), a renovación de beirarrúas na rúa Irmáns Noia e fronte ao estadio municipal da Sangriña, peche perimetral do colexio infantil de Solanas, a reforma do entorno dos contedores soterrados no comezo da rúa Porto, asfaltado da rúa Pintán e do camiño do Campamento (Camposancos), dotación de luminarias en Bouza da Fonte (Camposancos) e rúa Vigo, substitución de barandas no parque de Laxe Grande, melloras no interior da piscina municipal e a reposición dos tellados das dúas vivendas castrexas.
Por outra banda, "retomouse o proceso de selección de persoal, dentro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, persoal que é necesario para reforzar determinados servizos como a recollida do lixo, limpeza de praias ou desbroces de rúas.
Normalmente este persoal se contrata por un período de 9 meses pero ante a declaración do estado de alarma suspendéronse os procesos selectivos, o concello ante a nova situación de desescalada decidiu reactivalos para posibilitar a contratación de persoal no prazo de tempo máis curto posible".
Con estas medidas o Goberno local do concello de A Guarda manifesta o seu "compromiso e impulso decidido, na medida das súas posibilidades, para reactivar a obra pública e o emprego".
Ningún comentario:
Publicar un comentario