Xunta de Galicia e colectivos xacobeos coinciden na importancia do Camiño como motor de recuperación económica tras a crise sanitaria
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza de xeito telemático con representantes dunha quincena de asociacións galegas
Agradeceu o seu apoio para traballar “e seguir peregrinando xuntos”, un labor co que propiciar a reactivación e estimular os sectores cultural e turístico
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, reuniuse hoxe de xeito telemático cunha quincena de
representantes de diversas asociacións de amigos do Camiño de Santiago
de Galicia
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, reuniuse hoxe de xeito telemático cunha quincena de
representantes de diversas asociacións de amigos do Camiño de Santiago
de Galicia, cos que abordou a situación actual do Camiño de Santiago a
raíz dos efectos de crise sanitaria do coronavirus. O representante da
Xunta agradeceu o seu apoio nestas semanas e reafirmado agora no alto
número de participantes nesta xuntanza. Un encontro, afirmou, que senta
as bases para “seguir peregrinando xuntos” como parte dunha tarefa na
que “todos somos necesarios”.
O obxectivo da xuntanza, na que
tamén participou a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, foi
avaliar a situación nun contexto inédito e coñecer as achegas destes
colectivos para a reactivación do Camiño unha vez se superen as
distintas fases da pandemia. A iniciativa intégrase na rolda de contacto
cos sectores cultural e turístico que o conselleiro está mantendo e na
que tamén ten cabida, dun xeito específico, o Camiño de Santiago.
Neste
sentido, lembrou o papel do vindeiro Xacobeo 2021 como motor de
recuperación para Galicia, no que pretenden incidir as distintas liñas
de actuación nas que traballa o Goberno autonómico, un estímulo para a
actividade económica en xeral, e dun modo particular, na activación das
industrias culturais e turísticas e o tecido propio da nosa Comunidade.
Reforzar os seus valores
O
conselleiro de Cultura e Turismo destacou que o Xacobeo 2021 deberá
reforzar aínda máis os valores que fixeron grande ao Camiño de Santiago
como a solidariedade unha vez superada esta extraordinaria situación.
Dado que o Camiño de Santiago é o gran emblema de Galicia, a
Administración autonómica seguirá estando ao carón destas entidades para
sumar e continuar impulsando unha das peregrinacións máis importantes
do mundo.
Dado o seu carácter universal, indicou que a Xunta de
Galicia está en contacto coas máis de 300 asociacións de amigos do
Camiño de Santiago repartidas en distintos países, coa finalidade de
manter un canle de comunicación estable. A todas agradeceulles o seu
interese pola situación do país e os esforzos por manter vivo o espírito
da Ruta Xacobea.
Colectivos participantes
No encontro,
realizado por videoconferencia, participaron representantes de
diferentes rutas e zonas. Así, asistiron membros da Fundación Jacobea,
de Abrindo Camiño, da Asociación Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra,
da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da
Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, da Asociación Galega
de Amigos do Camiño de Santiago, da Asociación Iacobus de Tui, da
Asociación Europea dos Camiños de Santiago, da Asociación de Amigos do
Camiño Portugués a Santiago, da Asociación de Amigos do Camiño de
Santiago por Valdeorras, da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de
Sarria, da Asociación Cultural Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe
de Ourense, da Asociación de Amigos dos Pazos e da Asociación de Amigos
do Camiño Portugués en Ames e Teo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario