A Xunta de Galicia pon en marcha un grupo de expertos multidisciplinar para adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19
Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal
Destacou que o vindeiro Ano Santo debe
exercer como motor de reactivación cultural e turístico e salientou a
necesidade de actuar de xeito planificado
Reclamou ao Goberno central que estenda a 2022 as desgravacións fiscais para este evento co obxectivo de estimular as achegas económicas privadas
Reclamou ao Goberno central que estenda a 2022 as desgravacións fiscais para este evento co obxectivo de estimular as achegas económicas privadas
O
conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez mantivo hoxer un
encontro telemático con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito
estatal
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia porá en marcha un grupo de
expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída
da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o
conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un
encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito
estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada
nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación
actual.
Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de
representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como
as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración
local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da
Comunidade, entre outros. O obxectivo desta iniciativa, puntualizou
Román Rodríguez, será elaborar nunha folla de ruta que permita
reorientar o Xacobeo 2021 para convertelo nun motor de reactivación
económica que favoreza, así mesmo, a dinamización das zonas rurais,
potenciando as industrias creativas e a recuperación do sector
turístico.
O conselleiro destacou que a creación deste grupo de
expertos permitirá avanzar nesta estratexia “de xeito planificado e sen
improvisación”, contando coa colaboración dos distintos axentes
implicados e evitando xerar incertezas nos sectores afectados.
Neste
sentido, o titular de Cultura e Turismo solicitou a implicación por
parte do Goberno central e reiterou a importancia de que atenda algunhas
das demandas de Galicia neste eido, como a extensión a 2022 das
desgravacións fiscais para o vindeiro Ano Santo co obxectivo de
estimular as achegas privadas e captar máis recursos para o
desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos. Lembrou tamén a
necesidade de convocar un Consejo Jacobeo extraordinario para avaliar a
situación actual do Camiño de Santiago e analizar de xeito conxunto
medidas para minimizar o impacto que esta crise está tendo nos
territorios polos que transcorre a Ruta Xacobea.
Encontros a nivel galego, nacional e internacional
A
xuntanza de hoxe da continuidade á rolda de contactos iniciada polo
titular de Cultura e Turismo cos colectivos vinculados ao feito Xacobeo.
Hai uns días mantivo un encontro cos principais colectivos de amigos do
Camiño a nivel galego, hoxe foi a quenda das asociacións de ámbito
estatal e está previsto que en próximas datas manteña un encontro con
algunhas das agrupacións máis destacadas no eido internacional.
Na
xuntanza de hoxe participaron representantes da Federación Española de
Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, da Federación Galega de
Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da Federación Andaluza de
Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, da Agrupación de
Asociaciones de Amigos del Camino Norte de Santiago, da Federación de
Asociaciónes de Amigos del Camino de Santiago de Levante Sureste, da
Asociación de Amigos del Camino de Santiago. Vía de la Plata.
Fuenterroble de Salvatierra e da Asociación de Amigos del Camino de
Santiago de Madrid.

Ningún comentario:
Publicar un comentario