O Museo de Pontevedra apúntase aos pasatempos e propón un encrucillado sobre a súa colección de Prehistoria e Historia Antiga
A institución segue a aumentar a súa oferta lúdica dentro da iniciativa "O Museo en familia" para axudar a levar mellor o confinamento
Captura de imaxe da páxina web do Museo de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra segue a aumentar a súa oferta lúdica dentro da
iniciativa "O Museo en familia" e agora propón, na súa páxina web, un
encrucillado sobre a súa colección de Prehistoria e Historia Antiga.
Trátase dunha elaboración do equipo educativo da institución, que
pretende darlles unha alternativa ás persoas adultas para levar mellor o
confinamento e, ao mesmo tempo, se se fai en conxunto coas pequenas e
pequenos da casa, darlles a coñecer novos conceptos.
O
encrucillado ten como finalidade encaixar vinte palabras relacionadas,
en xeral, coa Prehistoria e a Historia Antiga e, en particular, coas
salas que o Museo de Pontevedra ten dedicadas a estas etapas. Entre
outros termos deben atoparse algúns relativos a épocas e períodos, a
técnicas de tratamento de materiais, a elementos de xoiería, a deuses ou
a monumentos e cámaras funerarias. Para facilitar a súa realización en
liña (www.museo.depo.gal), o encrucillado inclúe un apartado de autocorrección.
Nos vindeiros días tamén se dará a coñecer outra iniciativa relacionada
con recortables e motivos pictóricos presentes na colección do Museo.
Todas estas propostas creativas xorden do equipo educativo da
institución, que pretende manter o nivel de difusión sobre os fondos
provinciais entre todos os rangos de idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario