29 de abr. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia asumirá o alugueiro das persoas que reciben axuda do bono de alugueiro social ata finais de ano  

A Consellería deseña unha batería de medidas para facilitar que os galegos manteñan e accedan a unha vivenda, como a convocatoria da Orde extraordinaria de axudas ao alugueiro, a pesar de que o Estado aínda non transferiu os fondos comprometidos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez
Foto: X.G.

Para reactivar a economía, habilitaranse axudas para a compra de vivenda protexida e o impulso á construción, poñendo a disposición parcelas para edificar ou inmobles a rehabilitar en cascos históricos

A adquisición de solo empresarial tamén contará con bonificacións, como unha maior flexibilidade nos pagos e novas condicións de adxudicacións de solo 
Infogauda / Galicia
 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a traballar co fin de poder asumir o importe do alugueiro dos meses que restan do ano de todas aquelas persoas que na actualidade reciben axuda do programa Bono de alugueiro social. Esta nova decisión sumaríase ao compromiso xa asumido polo Goberno galego durante os meses de abril e maio, co fin de evitar que ningunha familia galega en situación de vulnerabilidade se puidese ver en risco de perder o seu fogar.

 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou que con esta decisión a Xunta asumiría a cobertura do 100% das axudas de máis de medio ano, o que supón aboar a renda íntegra de nove meses pola vivenda a todos os beneficiarios cos que conta este programa, que son 700 a día de hoxe.

 Ángeles Vázquez compareceu esta mañá para informar das medidas adoptadas polo departamento que dirixe para facer fronte á situación motivada pola pandemia do Covid-19, así como do traballo realizado “día a día desde hai mes e medio para dar unha resposta desde o punto de vista medioambiental, da vivenda e da xestión do territorio”. Sinalou que con rapidez e axilidade se puxeron enriba da mesa medidas coa vista posta no máis inmediato, á fin de atender ás necesidades máis urxentes; pero tamén mirando xa ao momento posterior á crise, co obxectivo de apoiar e poñer un gran de area para a reactivación paulatina da economía galega e do benestar social.

 Adiantou que o IGVS está a ultimar o texto de Decreto polo que se convocarán as axudas extraordinarias ao alugueiro creadas no Real Decreto Lei 11/2020, a pesar de que o Goberno do Estado aínda non transferiu os fondos cos que financiará estas axudas. Indicou que –fronte á demora do Estado, que tampouco puxo aínda a disposición dos cidadáns os préstamos avalados para o pago do alugueiro- a Xunta porá en marcha actuacións e medidas para activar a economía, como as axudas para a compra de vivenda protexida, que chegarán ata os 20.000 euros para unidades familiares con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM e que estarán dotadas de 5 millóns de euros.

 Tamén se impulsará a construción de vivendas en alugueiro a través da posta a disposición, en condicións favorables, de parcelas para nova construción ou edificacións para rehabilitar en conxuntos históricos. Outra das novidades será a ampliación de liñas de axudas xa convocadas, como a de infravivenda, que aumenta en 100.000 euros a convocatoria, a de vivendas de mestres, en 1,1 millóns, e as de eficiencia enerxética e accesibilidade, en 1,1 millóns.
A reactivación económica tamén virá da man do apoio aos empresarios, aos que se lles concederá unha carencia de 12 meses do canon das parcelas do IGVS e de Xestur xa adxudicadas en dereito de superficie ás empresas que atravesen dificultades. Tal e como explicou Vázquez Mejuto, é unha medida novidosa, coa que se dá maior flexibilidade nos pagos para que as empresas poidan empezar a súa recuperación económica. O importe será abonado polo adxudicatario nun prazo de ata 8 anos contados a partir da finalización da carencia.

 Para as novas adxudicacións de parcelas en dereito de superficie tamén se habilitarán condicións ventaxosas, como ofrecer tres anos de carencia para iniciar o pago do canon, fronte ao ano que se aplica actualmente, poderán adquirir a parcela mantendo o desconto do 40% do canon nos primeiros 12 anos, fronte aos 10 actuais, tamén se ampliará en dous anos a posibilidade de adquirir unha parcela cunha bonificación do 15% ou do 25 do prezo da parcela e se prolonga o prazo para pagar o importe de compra das parcelas ata os seis meses, fronte o mes que se concede agora.

 A conselleira recordou que o Goberno galego activou todas as obras, contratos de servizos, subministros e subvencións, que na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se concretan na reanudación de trámites en 58 expedientes de subvención, o que implica mobilizar un orzamento de máis de 100 millóns, dos que 41,4 son para este ano 2020; a continuación da execución de 45 contratos de obras, por un importe de 37,6 millóns; a reanudación de 90 contratos de servizos valorados en 746 millóns; así como a declaración como esenciais todos os procedementos urbanísticos, todos os de tramitación dos planeamentos urbanísticos, a inscrición no rexistro do planeamento urbanístico, as autorizacións e declaracións responsables ou outros procedementos, como tramitación de proxectos sectoriais, aos que se unirán todos os procedementos ambientais.

Medidas adoptadas

 A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o Estado de alarma provocou cambios a todos os niveis, unha nova situación que tiveron unha resposta social cun valor intanxible que se demostrou en xesto como a posta en marcha dun programa de voluntariado dos axentes medioambientais para a vixilancia de camiños rurais e espazos naturais, garantindo o cumprimento do confinamento; ao tempo que proporcionan apoio ás persoas maiores ou con discapacidade en zonas rurais ou con pouca poboación.

 Asemade, dentro do seu ámbito competencial, e co fin axudar ás mascotas abandonas habilitouse unha partida económica para garantir o subministro de emerxencia para cubrir as necesidades alimenticias de case 2.300 animais (cans e gatos), a través do reparto de case 20.000 quilos de penso, así como manter o normal funcionamento dos centros de recuperación de fauna, a pesar das circunstancias de confinamento.

 Outra das consecuencias medio ambientais desta crise sanitaria foi a irrupción abrupta de novos residuos, que antes eran anecdóticos, como os EPIs (luvas, mascarillas e equipos de protección individual, principalmente), polo que Sogama preparouse nun breve tempo para asumir a xestión de 5 toneladas diarias de residuos sanitarios de baixo risco. É dicir, evitouse estes residuos se convertera nun problema máis desta crise, dando unha resposta como a recollida dos mesmos porta a porta en residencias integradas de maiores dependentes da Xunta, en Cangas, Vigo, Santiago de Compostela e Baños de Molgas.

 A conselleira resumiu as medidas posta en marcha para paliar os efectos da crise sanitaria do coronavirus en materia de vivenda, ademais de cubrir o 100% do alugueiro de abril e maio ás familias máis desfavorecidas, tamén se decidiu aprazar os recibos de alugueiro das vivendas de promoción pública e locais comerciais do IGVS e de Xestur, coa que se beneficia a máis de 3.500 familias e inquilinos de locais comerciais; ao tempo que se suspenderon os prazos de presentación de solicitudes das axudas convocadas polo IGVS, evitando os efectos negativos que tería o fin dos prazos en pleno estado de alarma.

 Asemade, tamén se aprazaron as rendas de abril e maio do alugueiro ou dereito de superficie das parcelas situadas en polígonos empresariais propiedade do IGVS e de Xestur; mentres que nas seguintes semanas se realizaron pagamentos por 8 millóns de euros en concepto de axudas, certificacións e facturas.

 Apoiar o retorno da actividade tamén foi un obxectivo deste departamento, polo que -coas medidas sanitarias necesarias, retomáronse 13 obras de edificación, rehabilitación de vivendas e execución en parques empresariais, que suman un importe de preto de 24,5 millóns de euros e que dan traballo a 200 persoas en localidades como Betanzos, Lugo, Vigo, Pontevedra, Salvaterra de Miño, Arteixo, A Pontenova e Santiago de Compostela.

Período de ambigüidade

 Ángeles Vázquez salientou o esforzo e bo comportamento do conxunto da poboación, sobre todo ante determinadas cuestións anunciadas polo Estado que –lonxe de ser unha resposta- provocaron controversia e ambigüidade.

 A modo de exemplo, citou a decisión adoptada no seo da CECOP, que vén de autorizar accións de caza de xeito excepcional en zonas con maior risco, para evitar posibles incidencias que a fauna salvaxe poida provocar. Primando a seguridade das persoas e do tráfico, ademais de reducir os danos en cultivos, no inicio da época de semente como apoio a este sector esencial que debe seguir funcionando. Engadiu que a Xunta decidiu comunicar esta decisión, despois de que dous Ministerio trasladaran instrucións contraditorias.

 Na mesma liña, outro dos sectores clave en Galicia no que as decisións do Goberno central están a xerar dúbidas e intertidume é o da pesca fluvial. Ao respecto, Vázquez Mejuto lembrou que coincidindo coa declaración do estado de alarma, acordouse a suspensión temporal desta práctica e a devolución das taxas aboadas en concepto de permisos de pesca, e que o presidente da Xunta avanzou que solicitaría ao Executivo central que se permitise este tipo de práctica, por considerarse un deporte individual.

 Con todo, a conselleira considerou “sorprendente” o anuncio feito onte polo Estado de que na fase 0 do plan de desescalada (é dicir, na que nos atopamos actualmente) só se permitirá a pesca en entrenamentos individuais de profesionais federados, un colectivo cunha presenza testimonial en Galicia; mentres que o exercicio da caza e da pesca, dúas prácticas moi enraizadas na comunidade e con miles de afeccionados, quedará postergado ata o 26 de maio, no mellor dos supostos.

 Outro dos fitos máis importantes no proceso de reactivación impulsado pola Xunta, foi acordar a continuidade das obras de rehabilitación en edificios ocupados, establecendo medidas de prevención e protección da saúde, pois a falta de concreción do Goberno deixaba nun limbo a uns 20.000 autónomos en Galicia. Así, ante as dúbidas que trasladaron desde os distintos sectores, se fixaron unha serie de criterios e supostos que si se poden acometer, como son as actuacións que teñen como fin reparacións urxentes ou avarías e rematar obras xa iniciadas e que revisten importancia para o inmoble e os seus habitantes.

 Por último, lamentou as falsas expectativas lanzadas polo Goberno sobre as axudas ao alugueiro, un anuncio que non levan parello un orzamento acorde, axustado e suficiente para poder chegar aos colectivos que o Estado fixa como potenciais beneficiarios; e que agora recoñece que é insuficiente, con 100 millóns de euros para as axudas ao alugueiro. A Xunta denunciou esta falta de orzamento desde o minuto un e así llo trasladou de xeito reiterado; obrigando ás comunidades autónomas a reestruturar os fondos asignados e consignados do Plan de Vivenda, sen consultalas nin informalas previamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario