3 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

Carmela Silva insta a Feijoo a convocar ás Deputacións para poder anticiparse e tomar medidas ante as previsións da Xunta sobre o pico da pandemia 

A presidenta provincial de Pontevedra ofrece unha vez máis á Xunta de Galicia o seu "animo e de colaboración para dar respostas coordinadas á cidadanía"

Pazo da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Ante as novas previsións da Xunta de Galicia sobre a evolución da crise sanitaria na comunidade autónoma, que situarían o pico da pandemia ao longo deste mes de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou hoxe ao presidente Feijoo a que convoque telematicamente, no prazo máis breve posible, ás catro deputacións galegas "para que, ante estas previsións, as administracións provinciais, que traballan e coñecen o día a día dos seus territorios, poidan anticiparse en tomar as decisións e novas medidas que correspondan".  

 Nunha carta que remitiu ao presidente galego, "co ánimo e co afán de cooperación", a presidenta provincial trasladou a preocupación, inquietudes e temores que moitas familias, concellos, persoal sanitario, de atención a maiores, ou de Ong, están a achegar á Deputación de Pontevedra en relación coa pandemia do COVID19. Na misiva, Silva lembra a Feijoo que, como administracións públicas de ámbito provincial, "este anunciado repunte nos obriga a ter a máxima información posible sobre os nosos territorios, para poder avaliar adecuadamente a situación e poder tomar decisións de forma anticipada. É fundamental, sinala, coñecer, se existen,  os plans de continxencia autonómicos para UCIs ,  hospitais e centros de maiores, que  son neste momento as grandes preocupacións que temos e que se nos trasladan".  

 Neste sentido, Carmela Silva apelou ao presidente da Xunta a dar respostas acertadas, "e sobre todo coordinadas", ante o incremento da incerteza social, unha vez coñecida a información ofrecida polo executivo autonómico sobre a maior virulencia do virus. "É por iso, engade, que para aportar  información fiable gustaríanos que estudases a posibilidade de convocar vía telemática as catro Deputacións galegas para que nos poidas trasladar información e así poder ter respostas que permitan mensaxes unitarias sobre as medidas que está a adoptar a Administración Autonómica,  que é a que  ten as competencias en sanidade, dependencia e política social".  

 A presidenta da Deputación de Pontevedra remata o seu escrito mostrando unha vez máis "o noso afán de colaboración e expresar que consideramos que é imprescindible que o Presidente de todas as galegas e galegos lidere unha información transparente e marque as liñas de coordinación de todas as administracións públicas, para transmitir tranquilidade ao conxunto da cidadanía".

Ningún comentario:

Publicar un comentario