Continúa a desinfección de rúas e elementos sensibles nos barrios e no núcleo urbano do Rosal
O Concello quere agradecer cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que colabora desde o primeiro día cos operativos de limpeza postos en marcha
Informa: Concello do Rosal
O Concello do Rosal continúa cos traballos de desinfección dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Como se ven facendo desde hai semanas, operarios municipais están a desinfectar as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas (farmacias, centro de saúde...) e elementos considerados sensibles (bancos, pasamáns, papeleiras...) tanto nos diferentes barrios rosaleiros como no núcleo urbano.
Ao traballo de desinfección manual que realizan operarios con mochila de desinfección ou hidrolimpadoras súmase tamén un operativo de limpeza posto en marcha grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que achegan tanto a maquinaria como os produtos para realizar a correcta desinfección das zonas. Un operario das adegas encárgase de conducir o tractor con cisterna e mangueira de baldeo polas diferentes rúas do Rosal, mentres que un operario municipal encárgase de manexar a mangueira e realizar os labores de desinfección.
Unha vez máis, dende o Concello do Rosal quérese agradecer a solidariedade amosada polas adegas do municipio e a súa colaboración nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas, zonas, elementos ou mobiliario urbano como medida preventiva dentro da crise provocada polo COVID-19. Agradecemento que se fai extensivo aos operarios municipais encargados da limpeza, que están a facer un grande esforzo dende o primeiro día de alerta sanitaria para garantir a seguridade da veciñanza e minimizar riscos de contaxios.


Ningún comentario:
Publicar un comentario