O movemento asociativo FEAFES leva realizadas máis de 7.500 chamadas durante o estado de alarma
• As entidades que conforman Saúde Mental FEAFES Galicia víronse obrigadas a cambiar as súas dinámicas de traballo a raíz do confinamento, realizando atención telemática a distancia, acompañamentos presenciais nos casos máis complexos e aplicando plans especiais de atención nos centros residenciais.
• O colectivo de saúde mental presenta unha alta vulnerabilidade fronte a situacións de crise, incerteza e alarma social, polo que é preciso extremar e adaptar os métodos de seguimento e atención.
Na imaxe unha persoa desenvolvendo atención telefónica dende Saúde Mental FEAFES Galicia
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
A raíz do estado de alarma declarado o pasado 14 de marzo no marco da crise sanitaria do COVID-19, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións federadas asumiron a complexa tarefa de adaptar os seus servizos e recursos á situación sobrevida, coa fin de garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental.
En total, na primeira quincena de confinamento, atendéronse a 2.024 persoas deste colectivo, incluíndo máis de 7.500 chamadas telefónicas, 553 seguimentos presenciais en domicilios e pisos protexidos e 70 acompañamentos.
Nas asociacións, 1.000 persoas ven interrompidos os procesos de rehabilitación
En canto ás 15 asociacións coas que conta Saúde Mental FEAFES Galicia, a alerta sanitaria obrigou a pechar os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, o cal afectou directamente a preto de 1.000 persoas usuarias. Tan só os pisos protexidos e as residencias permanecen abertas, onde se estableceron plans especiais de atención para adoptar as medidas de prevención pautadas polas autoridades sanitarias.
Para facer fronte ao confinamento nas súas casas das persoas usuarias, as asociacións estableceron medidas de atención telemática continuada, das cales se realizaron máis de 6.000 actuacións na primeira quincena de confinamento. Estase a facer igualmente un importante traballo de coordinación cos servizos sociais e sanitarios dos distintos territorios para poder abordar as situacións máis graves ou complexas; do mesmo xeito que realízanse acompañamentos, visitas e seguimentos presenciais para aqueles casos nos que é necesario. Neste senso, houbo 547 visitas e seguimentos presenciais a domicilios e pisos protexidos e 68 acompañamentos a centros de saúde, farmacias, establecementos de alimentación, etc.
Nas delegacións, máis de 1.500 atencións e seguimentos
Nas cinco delegacións coas que conta a federación (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo), suprimiuse a atención presencial e reforzouse a telemática, ben vía telefónica, por email ou por videoconferencia. Entre o 13 e o 31 de marzo, atendéronse a 739 persoas en toda Galicia, coas que se realizaron un total de 1.572 actuacións de diversa índole.
Destacan a área de saúde, na que se realizaron 461 accións como atención psicolóxica, intervención en situacións de crise ou axuda no manexo dos cambios emocionais resultantes desta situación. Na área de información e asesoramento realizáronse 422 atencións; mentres que a de emprego rexistrou 337 accións relacionadas maioritariamente con consultas sobre os ERTES e incerteza ante a situación do mercado laboral.
Na área de ocio e deportes realizáronse 177 actuacións, centradas fundamentalmente en facilitar alternativas de ocio ás persoas usuarias durante o confinamento; mentres que no eido da atención social houbo 149 accións que incluíron apoio na xestión de recursos e visitas a domicilios. No ámbito xurídico, pola súa parte, houbo 9 consultas.
O colectivo de saúde mental fronte ao COVID-19
As persoas que presentan un problema de saúde mental, especialmente aqueles que contan con trastornos mentais graves ou severos, son un colectivo especialmente vulnerable ante a situación de alarma do COVID-19 pola súa dobre condición de saúde: física e mental.
A atención a estas persoas no contexto no que nos atopamos debe comprender o intento de minimizar, por un lado, a probabilidade de posibles contaxios, e, por outro, atender a súa altísima vulnerabilidade ante situacións de crise, pánico, medo e alarma social; vulnerabilidade esta última na que as entidades de saúde mental poden ser de moita axuda.
Se ben unha ampla porcentaxe das persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións están a asumir sen grandes alteracións o confinamento, esta circunstancia podería ir a peor a medida que a situación se prolongue no tempo. Para iso, o movemento asociativo conta con máis de 250 profesionais envorcados en previr ou mitigar potenciais descompensacións, crises ou circunstancias adversas que se poidan producir.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares. O seu ámbito de actuación abrangue todo o territorio autonómico e actualmente agrupa a 15 asociacións repartidas por toda Galicia con centros e servizos en máis de 30 localidades.


Ningún comentario:
Publicar un comentario