16 de abr. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia iniciou hoxe a entrega do primeiro envío de mascarillas a empresas e autónomos que retomaron a actividade  

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá unha reunión con representantes de clusters galegos

Alfonso Rueda indicou que ao longo da vindeira semana estará completado o reparto de preto de 2 millóns de mascarillas  

A Administración autonómica encargarase da subministración e as máscaras serán facilitadas ao mesmo prezo ao que as adquira a Xunta 

O vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes de clusters galegos
Foto: X.G.


Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia iniciou hoxe o primeiro envío de mascarillas tanto a empresas como autonómos dos sectores que retomaron o traballo o pasado luns. Así, antes da fin de semana serán repartidas 350.000 mascarillas aos clusters e asociacións que pecharon as súas peticións no día de onte. Segundo avanzou Alfonso Rueda, a previsión é acadar o envío de preto de 2 millóns de mascarillas ao longo da semana que vén, un material que foi adquirido directamente pola Xunta de Galicia.  

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes de clusters galegos na que abordaron os detalles e as necesidades de material do tecido produtivo. As petición canalízanse a través dos clusters e asociación que agrupan aos destinatarios finais.  

 Alfonso Rueda avanzou que ao longo da vindeira semana chegarán dous envíos máis de material, co que se repartirán máis de 2 millóns de mascarillas. A medida adquire importancia ante a imposibilidade de que moitas empresas e autónomos poidan conseguir o material de protección necesario no mercado e a un prezo adecuado. De feito, o material será facilitado ao mesmo prezo que o adquira a Xunta.  

 Este sistema de distribución foi un dos puntos aprobados o luns no seo da quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), onde se indicou que o Goberno galego subministrará máscaras ás empresas e os autónomos que o soliciten. Este reparto de material de protección chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, a enxeñería, a madeira, a pizarra e o granito, as enerxías renovables, as cooperativas agrarias, os call center, autónomos e comerciantes.  

 O reparto realízase desde a plataforma loxística da Xunta de Galicia (Clonegal), que é a que se ocupa de tódolos envíos de material que non ten que ver con centros médicos e hospitalarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario