A Biblioteca Pública Municipal convida a celebrar o Día do Libro 2020
Vista parcial da Biblioteca Pública Municipal de A Guarda
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Biblioteca Pública Municipal de A Guarda convida a celebrar o Día do Libro (23 de abril) dun xeito diferente. Como non podemos celebrar este ano coa presenza física dos seus usuarios, nin con agasallos, debido ao confinamento, á proposta é darlle protagonismo aos libros en papel e á literatura.
Dende a Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal, todos estamos convidados a celebrar o Día do Libro coa presenza virtual con cinco opcións diferentes para que participe a poboación guardesa.
Como se pode participar?
1. A Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal convidan á veciñanza a enviar unha frase ou un verso breve, con indicación do autor e do título do libro, que traslade á cidadanía ilusión e forza nestes momentos de confinamento. Farase unha selección de 15 das propostas que serán despois rotuladas nas rúas e espazos públicos da localidade.
2. Realizando un vídeo breve cun membro da familia léndolle un libro aos máis pequenos/as da casa. Especialmente, os avós e avoas que contan contos e non teñen o hábito de participar na redes sociais.
3. Facéndoche unha fotografía cunha selección de libros favoritos da túa biblioteca persoal.
4. Facéndoche unha autofoto co teu libro favorito, unha dedicatoria, unha cita breve.
5. Realizando unha fotografía do teu recuncho favorito de lectura no teu fogar, ou no exterior, se tes algunha.
Envía a información nun correo a bibliotecamunicipaldaguarda@gmail.com coa proposta de participación que cada persoa elixa xunto co seu nome, idade e localidade.
O prazo de participación remata o 30 de abril.
Todas as propostas recibidas serán publicadas na páxina Facebook da biblioteca coas etiquetas #QuedaNaCasa #DíaMundialDoLibro #BibliotecaMunicipalConcelloDaGuarda #ACulturaSegue
Día Mundial do Libro
O 23 de abril Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor é unha celebración para promover o goce dos libros e da lectura.
Proclamada pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1995, esta data simbólica da literatura universal coincide coa da desaparición dos escritores William Shakespeare, Miguel de Cervantes e Inca Garcilaso de la Vega. Este día rende homenaxe aos libros e aos autores e fomenta o acceso á lectura para o maior número posible de persoas.
Este ano dende a UNESCO difúndese esta mensaxe:
POR QUE A LECTURA É MÁIS IMPORTANTE AGORA QUE NUNCA? Máis que nunca, nun momento na que a maioría das escolas de todo o mundo están pechadas e debemos quedarnos na casa, podemos usar o poder da lectura para combater o illamento, estreitar os vínculos entre as persoas, expandir os nosos horizontes, á vez que estimulamos as nosas mentes e a nosa creatividade. Durante o mes de abril e durante todo o ano, é fundamental tomarse o tempo para ler só ou cos nenos. É un motivo para celebrar a importancia da lectura, fomentar o crecemento dos nenos e nenas como lectores e promover o amor á literatura. A través da lectura e a celebración do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, o 23 de abril, podemos abrirnos aos demais a pesar da distancia, e viaxar grazas á imaxinación. Do 1 ao 23 de abril, a UNESCO compartirá citas, poemas e mensaxes para simbolizar o poder dos libros e fomentar a lectura. Ao compartir coñecementos, lecturas e libros facemos comunidade e podemos conectar a lectores de todo o mundo e axudar a paliar a soidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario