Tomiño amosa o seu pesar polo pasamento do seu fillo predilecto Xose Luis Franco Grande
Infogauda / Tomiño
O Goberno local de Tomiño quere recoñecer o compromiso e o importante labor do seu Fillo Predilecto (2012) o escritor e académico Xose Luis Franco Grande, quen fixo de Tomiño a súa patria, que faleceu en Vigo, este martes día 31 de marzo de 2020.
Xose Luis Franco Grande nacera en Santa María de Tebra o 17 de febreiro de 1936. Fillo de mestres de primeiro ensino, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exercendo de avogado ata súa xubilación. Participou no proxecto de Editorial Galaxia. Foi traductor e escritor, sendo o responsable do primeiro Diccionario galego-castelán (1968), e do Vocabulario galego-castelán (1972), iniciando dese xeito o camiño da normalización da nosa lingua. Alma da xeración esquecida que durante a ditadura fixo de ponte entre os represaliados do Grupo “Nós” e a Xeración Galaxia.
O escritor foi nomeado Fillo Predilecto de Tomiño en sesión plenaria do 27 de outubro de 2011, facéndoselle a homenaxe respectiva o 15 de xaneiro de 2012, cando se lle entregou unha distinción coa seguinte lenda: A corporación municipal do Concello de Tomiño acordou por unanimidade nomear fillo predilecto de Tomiño a Xose Luis Franco Grande POLO SEU FIRME E INQUEBRANTABLE COMPROMISO CON GALICIA E COA SÚA LINGUA E CULTURA”. Este emotivo acto, celebrado no auditorio goianés, contou coa presenza da familia, amizades, veciñanza e boa parte da intelectualidade galega. Asemade, Franco Grande foi o primeiro homenaxeado no Acto Cívico do Alivio, instituído polo goberno local no ano 2007.
Desde 1978 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, lendo seu discurso de ingreso en 1998, e na actualidade era membro do consello reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Compaxinaba os seus artigos na prensa escrita coa impartición de conferencias sobre literatura e pensamento político. Un ámbito do que nos quedarán as súas últimas publicacións A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (1991); Os anos escuros I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), (publicado en 1985 e reeditado en 2004); Cando o futuro comeza (2009); Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura (2001); Outra política para outros tempos (2013) ou A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (2019). Libro dedicado á amizade.
Desde moi novo, X. L. Franco Grande comezou súa andaina literaria no mundo da poesía, acadando diversos galardóns, entre eles o Premio Eduardo Pombal, 1955, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires; e o Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro, 1967, polo seu libro de poemas Entre o si e o non; para máis tarde, incursionar no xénero teatral - Vieiro choído (1957) - e desenvolver un labor constante como articulista en diversos medios de comunicación e publicacións colectivas.
No 2009 recibiu o Premio San Martiño de normalización lingüística.
No 2009 recibiu o Premio San Martiño de normalización lingüística.
O goberno de Tomiño, encabezado pola alcaldesa Sandra González Álvarez, quere amosar o seu pesar polo pasamento deste distinguido veciño tomiñés, nestes difíciles momentos, lembrándoo coas verbas sempre agarimosas que tiña para o seu pobo, e facer chegar todo o cariño e apoio á súa familia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario