3 de mar. de 2020

TOMIÑO

Protección Civil de Tomiño celebra xornadas de portas abertas para captar socios 

O domingo 8 de marzo, na Praza do Seixo, haberá obradoiros de primeiros auxilios durante todo o día

O mercado municipal albergará unha interesante exposición fotográfica do traballo desenvolto pola agrupación nos seus 25 anos de vida  



A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso, e os membros de Protección Civil, convidan á cidadanía a participar nestas xornadas de portas abertas
Foto: C.T.




Infogauda / Tomiño

 A Agrupación de Protección Civil de Tomiño, presidida por Iván Fernández, organiza o vindeiro domingo (8 de marzo), co apoio do Concello de Tomiño, unhas xornadas de portas abertas, co fin de dar a coñecer o traballo que fan de maneira altruísta, e captar novos socios e socias.  

 A apertura das xornadas será ás 11:00 da mañá, no Mercado Municipal, onde se inaugurará unha interesante exposición fotográfica con imaxes do traballo despregado durante os 25 anos de existencia da agrupación.  

 Ás 12:00h haberá unha charla informativa sobre o funcionamento da agrupación tomiñesa, con explicación detallada das incidencias e actividades nos que prestan servizo ou funcionan coma apoio das forzas de seguridade locais.  

 A mesma charla repetirase ás 18:00h co fin de dar a coñecer o traballo de Protección Civil e captar novas persoas que desexen formar parte do colectivo.  

 Paralelamente, durante toda a xornada, realizaranse na Praza do Seixo, obradoiros de primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar (RCP); técnicas moi útiles para salvar vidas en moitas emerxencias, coma os ataques cardíacos ou afogamentos.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso, e os membros de Protección Civil, convidan á cidadanía a participar nestas xornadas de portas abertas, que coincidirán co Día Internacional da Muller, salientando a importante labor que desempeña a agrupación, homenaxeada recentemente pola súa longa traxectoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario