18 de mar. de 2020

LABORAL

A CIG-Vitrasa denuncia a situación de inseguridade que o persoal de condución está a vivir estes días 

 
 Infogauda / Vigo
 

 Dende a sección sindical da CIG en Vitrasa denuncia a sitación de inseguridade que viven estes días os condutores/as xa que debido á redución de servizos e frecuencias impostas polo Concello de Vigo en determinados momentos do día a afluencia de viaxeiros/as impide manter a distancia de seguridade indicada para evitar o contaxio por coronavirus”. 

 Así mesmo, sinalan que a entrada de viaxeiros/as pola porta dianteira e o pago en efectivo do billete ordinario séguese a permitir seguindo instrucións de Concello e empresa. “Esta práctica impide novamente manter a distancia de seguridade co persoal de condución e engade a manipulación de moedas e billetes que poden propagar a infección”. 

 Indican que esta circunstancia podería evitarse eliminando o pago con efectivo e condenando a entrada pola porta dianteira como xa se está realizando nun gran número de cidades e mesmo noutras empresas do propio grupo Avanza- ADO. Resulta curioso que o Concello de Vigo prohibise reunións de máis de 25 persoas en zonas de exterior e a concesionaria permita un máximo de 30 persoas no interior dos seus vehículos”. 

 Finalmente, critican que debido ao incumprimento tanto de Alcaldía como da concesionaria de dotar de baños á totalidade das liñas e ao peche dos establecementos de hostalería, o persoal de condución vese obrigado en moitas ocasións para realizar as súas necesidades fisiolóxicas na vía pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario