A CIG-Banca mobilízase en Vigo contra a represión sindical en Contactnova e Call Center
Xa foron advertidas pola Inspección de Traballo por fiscalizar en exceso as horas sindicais
Delegadas/os
da CIG-Banca desenvolveron hoxe unha concentración en Vigo diante das
empresas Contactnova e Call Center (Centro Especial de Emprego)
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Delegadas/os da CIG-Banca desenvolveron hoxe unha concentración en Vigo diante das empresas Contactnova e Call Center (Centro Especial de Emprego) para denunciar que a dirección está a vulnerar os dereitos sindicais mediante unha fiscalización excesiva do uso das horas sindicais por parte das representantes do cadro de persoal.
Segundo explican dende a central, estas empresas botan man de escusas técnicas para coaccionar as delegadas da CIG esixíndolles unha xustificación exhaustiva do uso das súas horas sindicais, “baixo a ameaza do desconto destas horas nas nóminas das traballadoras, cousa que estas compañeiras levan padecendo dende o mes de outubro pasado até o día de hoxe”.
De feito, a Inspección de Traballo xa advertiu ao grupo empresarial que non podía esixir tal xustificación detallada porque constitúe unha vulneración dos dereitos das delegadas e que debía reintegrarlles as cantidades detraídas das súas nóminas.
“Pero a dirección non só non cumpre a resolución da autoridade laboral senón que continúa facendo descontos nas nóminas destas compañeiras, prexudicándoas gravemente, coa finalidade de coartar os dereitos, contravindo toda a normativa legal e impedindo que poidan desenvolver o seu labor coas garantías que lles corresponden”, afirman desde a central nacionalista
Diante disto, para a CIG-Banca trátase dun claro caso de represión dirixido a representantes sindicais da CIG “que non imos tolerar, polo que tomaremos todas as medidas legais ao noso alcance, ao tempo que nos dirixiremos á Xunta para que revise a actitude represiva e antisindical dunhas empresas que están a prestar un servizo público”.
Contactnova e Call Center, con centros de traballo en Vigo e Ourense, son empresas que se dedican, entre outras actividades, a tarefas de atención telefónica, prestando servizos para a Xunta como o teléfono 012, o teléfono do Sergas ou os avisos da axencia galega de doazón de sangue e órganos.
Finalmente, dende a CIG lembran que a central conta dende hai anos con representación sindical neste grupo empresarial, “e grazas a esta representación foron resolvéndose varios problemas laborais existentes nos centros de traballo; é precisamente con este obxectivo co que as representantes sindicais empregan o seu crédito horario, dereito establecido no Estatuto dos Traballadores/as, procurando a mellor atención do persoal ao que representan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario