O titular do Goberno galego mantivo este mediodía unha nova videoconferencia co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e os outros presidentes autonómicos
Feijóo traslada ao Goberno de España a necesidade dun peche ordenado das actividades económicas e confirma a chegada de novos subministros sanitarios da Xunta
Expón a inquedanza que supón para as comunidades descoñecer con exactitude o alcance e contido das industrias que, a partir de mañá, van diminuír ou suspender a súa actividade
Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta mañá a Pedro Sánchez a necesidade
dun peche ordenado das actividades económicas
Foto: X.G.
Reitera a necesidade de material sanitario e solicita ao Goberno un calendario de entregas de subministración, para que cada comunidade poida organizarse
Resalta que hoxe Galicia recibiu unha nova partida de material sanitario da Xunta que ascende a máis de 700.000 mascarillas
Fai unha mención ao labor que está a desenvolver Inditex, non só pola subministración que está doando, senón tamén pola súa loxística e o seu transporte, ao igual que outras empresas
Asevera que os maiores seguen a ser a prioridade número un para a Administración autonómica
Infogauda / Galicia
Logo de que o Goberno de España
comunicase a decisión de adoptar medidas máis restritivas para a
economía ante a pandemia do coronavirus, o presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta mañá a Pedro Sánchez a necesidade
dun peche ordenado das actividades económicas.
“Trasladeille ao
Goberno central que non sería bo un peche abrupto de sectores
económicos. Preocúpanos que dar ao botón de pausa poida ser dar o botón
de apagado de moitas ou dalgunhas empresas e, en definitiva, de moitos
ou dalgúns postos de traballo”, dixo, facendo fincapé na inquedanza que
supón para as comunidades descoñecer con exactitude o alcance e contido
das industrias que, a partir de mañá, van diminuír ou suspender a súa
actividade.
Así mesmo, durante a videoconferencia co presidente do
Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, e no marco
europeo, Feijóo expresou o desexo de que as propostas españolas
frutifiquen no Eurogrupo, de xeito que os sacrificios que se están a
pedir ao conxunto dos cidadáns e das nacións sexa proporcionado á axuda e
á solidariedade das medidas que adopte a Unión Europea. “A tal efecto, o
Goberno central ten o noso apoio”, matizou, subliñando que Galicia cre
nunha Unión Europea solidaria entre nacións do mesmo xeito que cre na
España solidaria das comunidades.
Chegada de subministro sanitario da Xunta de Galicia
Ao
longo do encontro, o titular do Executivo galego reiterou a necesidade
de material sanitario, solicitando ao Goberno de España un calendario de
entregas de subministración, para que cada comunidade poida
organizarse. “Alegrámonos de que o presidente informase onte do material
que España ten apalabrado ou contratado, pero é importante saber cando
vai chegar ese material”, insistiu, lembrando que a Xunta leva
subministrado a 251 concellos de Galicia: 22.000 mascarillas, 10.000
traxes e 300.000 guantes; “deste xeito, e co material que se entregará
mañá, chegaremos ás 122.000 mascarillas, aos 25.000 traxes a aos 350.000
guantes”, confirmou, para o desenvolvemento de servizos como o de Axuda
ao Fogar ou de Protección Civil.
“Seguiremos comprando material,
porque non podemos esperar a ter un material centralizado polo
Ministerio”, asegurou, resaltando que hoxe, Galicia recibiu unha nova
partida de material sanitario da Xunta que ascende a máis de 700.000
mascarillas -500.000 compradas polo Sergas, 100.000 doadas por Inditex e
outras 100.000 doadas por Grupo Caamaño-, que serán distribuídas en
tempo real ás áreas sanitarias e aos centros sociais”.
Nesta mesma
liña, o responsable do Goberno galego reiterou a importancia de seguir
facendo test masivos, así como coñecer a curva epidemiolóxica; “sería
moi útil para as comunidades coñecer cal é a previsión do Goberno de
España, cal vai ser o pico de hospitalización e de UCI que imos ter nas
comunidades”, abundou.
A modo de exemplo, Feijóo explicou que, ata
o momento, Galicia recibiu do Goberno central: 220.890 mascarillas,
33.205 batas, 352.000 guantes, 13.400 pantallas e 1.776 desinfectantes.
“Para facernos unha idea, o total das mascarillas chega para 4 días de
consumo do Sergas, o total de batas chega para 1,7 días e o total de
guantes non chega a un día de consumo”, precisou.
Neste eido,
Feijóo quixo facer unha mención ao labor que está a desenvolver a
multinacional galega Inditex, non só pola subministración que está
doando ao Sistema Nacional de Saúde e ao Servizo Galego de Saúde, senón
tamén pola súa loxística e o seu transporte. “Sen os avións de Inditex a
maioría do material que entrou en España estaría aínda nos aeroportos
de China”, puntualizou, transmitindo o agradecemento pola implicación
“dunha empresa galega global que está dando unha mostra mundial do que é
un compromiso coa solidariedade, con España e con Galicia”.
Así
mesmo, referiuse a outras empresas que tamén están a doar material
sanitario e asegurou que cando este chegue, o Executivo autonómico
faraas públicas.
As residencias de maiores, prioridade número un para a Xunta
O
presidente do Goberno galego aseverou que os maiores seguen a ser a
prioridade número un para a Administración autonómica: “Seguiremos
traballando, tratando de garantir máximo illamento nas residencias”,
garantiu.
O titular da Xunta reiterou que Galicia seguirá
traballando con determinación, aprovisionando máis material e co máximo
ánimo de unidade, coordinación e entendemento. E concluíu a súa
intervención cunhas palabras de ánimo e agradecemento cara aos máis
novos: “Sentímonos orgullosos do que estades a facer”, dixo, facendo
fincapé na importancia de permanecer nas casas durante o estado de
alarma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario