A Xunta de Galicia incide na necesidade urxente de equipos de protección individual para os profesionais sanitarios na loita contra o coronavirus
O Centro de Coordinación Operativa acordou na súa reunión de hoxe permitir a ocupación en vehículos con máis dun traballador nos desprazamentos laborais de sectores críticos que manteñen a súa actividade
O alumnado galego contará desde este luns con programas educativos na TVG que complementarán os contidos que reciben dos centros escolares
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso
Rueda Valenzuela, volveu insistir hoxe na necesidade urxente de contar cos equipos de protección individual e mascarillas que o Goberno central se comprometera a facilitar ás comunidades
Foto: X.G.
Foto: X.G.
A Xunta decidiu o aprazamento desde abril e mentres se manteña o estado de alarma do cobro dos recibos de alugueiro das vivendas de promoción pública e dos locais comerciais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo
O Goberno galego tamén se fará cargo da parte da renda da vivenda dos beneficiarios do bono de alugueiro social que non cubra a axuda do programa
Habilitaranse establecementos turísticos para a acollida temporal destinados a traballadores de servizos esenciais, turistas en tránsito que non poidan retornar aos seus domicilios e colectivos de especial vulnerabilidade
Infogauda / Galicia
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso
Rueda Valenzuela, volveu insistir hoxe durante a súa comparecencia despois da
terceira reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na
necesidade urxente de contar cos equipos de protección individual e
mascarillas que o Goberno central se comprometera a facilitar ás
comunidades. Nesta liña, destacou que este material é fundamental para
que “os profesionais que están a traballar cada día na loita contra o
coronavirus e que merecen unha resposta” poidan traballar con
seguridade. Por iso, incidiu no traballo da Xunta na busca de provedores
que poidan facilitar estes equipos.
O Cecop aprobou esta mañá a
posibilidade de ocupar os vehículos con máis dun traballador nos
desprazamentos laborais de sectores esenciais, sempre que se garanta a
seguridade laboral dos empregados. Alfonso Rueda explicou que esta
medida favorecerá que os principais sectores críticos poidan manter a
súa actividade, nos casos en que o traslado se fai a cargo da empresa en
vehículos compartidos da súa titularidade ou porque os traballadores
comparten vehículo ao carecer algún deles de coche propio.
Desta
forma, poderán desprazarse dúas persoas en vehículos cunha ocupación
máxima de cinco persoas; tres nos que teñan capacidade para sete
persoas; catro se a ocupación máxima é para nove persoas; e para os que
teñan unha capacidade maior a nove prazas, poderán compartir transporte o
30% da súa ocupación.
No ámbito sanitario, o Cecop atendeu a
solicitude do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e do Colexio
Oficial de Podólogos para pechar todos os seus centros e unidades na
nosa comunidade ao non poder garantir unha asistencia segura aos
pacientes en situación de illamento. Tamén se acordou suspender o
servizo da Inspección Técnica de Vehículos (ITV).
Por outra parte,
a Unidade Militar de Emerxencias (UME), levará a cabo a desinfección de
case medio cento de centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde
(SERGAS). Estes efectivos actuarán en 25 hospitais distribuídos nas sete
cidades galegas, así como noutras localidades como Cee e Vilagarcía,
xunto con outros 24 centros de saúde e de especialidades da comunidade.
Programación educativa
No
eido educativo, o alumnado galego contará desde este luns cun bloque de
programación que se emitirá de luns a venres, de 11.00 a 13.00 horas, a
través da segunda canle da Televisión de Galicia, G2. En colaboración
coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, esta
iniciativa busca facilitarlles aos estudantes un complemento educativo
aos contidos que están a recibir dos centros de ensino e conta cunha
variada oferta de programas que se irá ampliando con achegas do sistema
educativo galego.
Tamén neste ámbito, o Cecop considerou que unha
vez superada a primeira semana desde que se suspenderon as clases,
permanecerá nos centros escolares unha persoa do equipo directivo o
tempo necesario para atender ao alumnado e ás familias, ademais de para
verificar o funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas e o estado do
centro.
Aprazamento do pago do alugueiro
Por outra parte,
co obxectivo de causar o menor prexuízo posible aos adxudicatarios das
vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo
(IGVS) en réxime de alugueiro e dos locais comerciais da súa propiedade
alugados a particulares e asociacións, a Xunta decidiu non xirar os
recibos desde abril e mentres se manteña a actual situación de estado de
alarma. Nesta liña, o vicepresidente da Xunta indicou que “nesta crise
sanitaria ninguén pode quedar atrás e o dereito á vivenda é un dos
dereitos fundamentais da cidadanía”.
Máis de 3.500 familias
aloxadas en vivendas de promoción pública do IGVS poderán beneficiarse
deste aprazamento, así como os inquilinos de 42 locais comerciais
alugados tamén por esta entidade. O importe total dos recibos
correspondentes ao mes de abril é de 307.110 euros.
Así mesmo, a
Xunta asumirá tamén a parte da renda que non cubre a axuda concedida ao
abeiro do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para
vítimas de violencia de xénero durante a vixencia das medidas
excepcionais adoptadas en relación co COVID-19. Trátase duns 157.500
euros ao mes que se aboarán para pagar a renda pola vivenda duns 700
beneficiarios actuais do programa.
Aloxamentos de garda para acollemento temporal
Na
liña de adaptar en Galicia a orde do Goberno central de suspender a
apertura ao público dos aloxamentos turísticos, durante o encontro do
Cecop a Xunta decidiu que poderán permanecer abertos os establecementos
turísticos necesarios para acoller traballadores dos operadores de
servizos de primeira necesidade e das empresas e provedores para
asegurar o abastecemento e os servizos esenciais.
Ademais,
facilitarase o aloxamento provisional aos turistas en tránsito que non
poidan retornar aos seus domicilios e lugares de orixe desde que se
decretou o peche dos establecementos. Tamén se propiciará a apertura de
establecementos, en coordinación cos servizos sociais dos concellos,
para acoller colectivos que presenten unha especial vulnerabilidade
social como persoas sen fogar, en exclusión social ou vítimas de
violencia de xénero.
Así, habilitaranse como mínimo un
establecemento de garda en cada unha das sete grandes cidades para
acollemento temporal e que poden estenderse a outras zonas onde fose
necesario, sen que ningún deles supere o límite dun terzo da súa
ocupación.
Limitación transporte público marítimo
No
tocante á mobilidade, o Cecop aprobou a orde de limitación o aforamento
no transporte público marítimo da comunidade. Trátase dunha medida
complementaria ás adoptadas polo Goberno central e a Xunta para
contribuír á redución da mobilidade cidadá, atendendo ao mesmo tempo ás
necesidades dos que deben desprazarse de acordo coas medidas de
prevención establecidas.
A orde aprobada hoxe establece que nos
servizos de transporte marítimo de viaxeiros en augas interiores de
Galicia, as empresas adoptarán as medidas necesarias para procurar a
máxima separación entre os viaxeiros e, sempre que as condicións
meteorolóxicas o permitan, que os viaxeiros ocupen a cuberta superior.
En calquera caso, non poderá ser ocupado máis dun terzo das prazas en
cada cuberta da que dispoña a embarcación, debendo manterse libres as
prazas máis próximas ao persoal da navieira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario