9 de mar. de 2020

DEPORTES

PIRAGÜISMO

CINCO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM  

No centro da imaxe, Emilio Rodríguez, que en K1 veteranos gañou dúas medallas de ouro
 

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Esta fin de semana celebrouse a 2ª Copa de España de Slálom na canle da localidade francesa de Pau. O mellor do slálom acudiu a cita, pois esta competición é o primeiro dos dous selectivos para formar parte dos diferentes equipos nacionais. Este ano, segundo a nova normativa da Federación Española de Piragüismo, cada Copa consta de dúas competicións diferentes, unha celebrada o sábado e a outra o domingo, en ámbalas dúas con clasificatorias e finais. Os circuítos tiñan trazados complicados de gran nivel, que fan máis meritorios aínda os resultados obtidos polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que acudiu ao evento con nove deportistas, de diferentes categorías.  


Luís Pereira - a esquerda da imaxe - nun dos seus dous podios que fixo acadando unha medalla de prata e outra de bronce


 Luís Pereira participou en C1 sénior e tanto sábado como domingo conseguiu entrar en finais. O sábado rematou terceiro e domingo segundo, bronce e prata, polo tanto para Luís, que con este posto ten serias opcións a formar parte tanto do equipo sénior como sub-23. Na mesma categoría, Brais Castro, tamén tivo unha boa actuación facendo finais nas dúas xornadas, rematando sétimo nos dous días, que o deixan lonxe do equipo sénior, pero con posibilidades no equipo sub-23.  

 
Manuel Ochoa - a dereita da imaxe -, acadou unha medalla de bronce na modalidade K1 senior

 Manuel Ochoa, tamén en categoría sénior, pero na modalidade de K1, entrou nas finais tanto sábado como domingo. Nas finais do sábado fixo unha boa baixada, rematando terceiro, acadando a medalla de bronce, e nas finais do domingo, fixo unha baixada correcta, pero algo lenta, que o deixaron en  octavo lugar. Manuel segue con moitas posibilidades de facer equipo sub-23, e con opcións a equipo sénior.  

 Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, dominou as dúas carreiras, facéndose en ámbolos dous días coas medallas de ouro.  

 As nosas representantes femininas, Alba e Ainhoa, tiveron unha boa actuación, tendo en conta que este ano van na mesma categoría cas deportistas júnior, dous anos máis maiores ca elas. As dúas piragüistas participaron en K1 e C1 xuvenil. Alba Soutelo estivo impresionante nas clasificatorias, en C1, acadou finais os dous días cun segundo e un cuarto posto, xa en finais, rematou a proba en sétimo lugar o sábado e oitava o domingo. Na modalidade de K1, no sábado non acadou a final, rematando décimo terceira, e no domingo si acadou a final, rematando sexta. Ainhoa Barreiro, pola súa parte, en K1, conseguiu meterse en finais na segunda xornada, rematando décimo quinta o sábado e sétima o domingo. En canoa ou C1, o sábado entrou en finais, rematando décima, e no domingo quedou a un posto de chegar á final, rematando undécima.  

 Samuel Castro participou en C1 xuvenil, o sábado meteuse nas finais, finalizando noveno e o domingo non acadou finais, rematando undécimo.  

 Alexis Segadaes en K1 xuvenil, non foi quen de clasificarse para finais, rematando vixésimo oitavo o sábado e cuadraxésimo segundo o domingo. Na mesma categoría Sergio Rodríguez, na xornada do sábado fixo unha boa baixada que o meteu en finais e rematou a proba co quinto mellor tempo. No domingo non deu acadado as finais, rematando décimo oitavo.  

 Moi bos resultados para o Club Deportivo Miño - Teixugos, nesta 2ª  Copa de España, da que volven con cinco medallas, nunha competición complicada polo alto nivel de participantes e pola dificultade da canle e dos trazados dos circuítos. A vindeira competición a que deberán facer fronte será a 3ª Copa de España a celebrar na Seu D´Urgell o 21 e 22 de marzo, e de onde saíran xa conformados os distintos equipos nacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario