4 de mar. de 2020

A GUARDA

O Concello de A Guarda segue avanzando na accesibilidade e a mobilidade peonil 

• Comezaron as obras de mellora da accesibilidade na Rúa Galicia

Na imaxe, grupo de operarios traballando na intersección das rúas Galicia e República Dominicana
Foto: C.A.G.

 Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, vén de facer público que esta semana arrancaron as obras dunha das “Áreas de Actuación” comprendidas no “Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda” que abarca un tramo da rúa Galicia que vai dende o cruce con República Dominicana ata o cruce con Concepción Arenal

 O Grupo de Goberno Municipal indica que esta primeira “Área de Actuación” ven a resolver problemas puntuais de accesibilidade neste tramo de rúa por un importe de 47.900 € con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra. 

 A obra consiste na adecuación dun tramo da rúa Galicia comprendido entre a intersección con República Dominicana e Ramón Sobrino, onde se inclúe a sinalización sensorial para persoas con discapacidades visuais e a priorización e continuidade dos tránsitos peonís sobre os vehículos

 Desde o Concello avanzan en que consistirán os traballos nas zonas de actuacións: Pretendese adecuar un tramo urbano moi importante para a vila da Guarda, coa colocación de pavimentos de botóns, eliminación de vados en mal estado, eliminación de resaltes, redución de desniveis, instalación de bolardos para a protección dos peóns, elevación de pasos de peóns e colocación de pavimentos direccionais. 

 As obras teñen un prazo de execución de dous meses e será preciso o corte de rúas en momentos puntuais para acometer certos traballos. 

 Nas actuacións de humanización, recuperación e mellora de rúas, espazos e edificios públicos que se veñen realizando no concello da Guarda, a accesibilidade ten un peso importante [á] hora de redactar os proxectos e executar obras.

ACTUACIÓNS SINGULARES

 O Goberno Municipal relembra que o concello ten realizado actuacións singulares como: “a rampla de acceso a parte alta do auditorio de San Bento”, “o acceso a praia da Area Grande” ou o “ascensor e baños da praza de abastos”, entre outras. Tamén se levan executado multitude de obras de humanización en plataforma única entre as cales destaca a rúa Concepción Arenal. 

 Precisamente a obra de humanización de Concepción Arenal seguiu os criterios marcados no “Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda”, redactado no ano 2018. Concretamente, a obra de Concepción Arenal, resolve a mellora da accesibilidade de dúas das “Areas de Consideración Especial” marcadas como tales no mencionado plan: A zona entre a rúa Galicia e Avelino Vicente, e a zona entre a rúa Brasilino Álvarez e a rúa do Porto. Estas dúas zonas de actuación veñen marcadas como as primeiras fases a executar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario