3 de feb. de 2020

TOMIÑO

Tomiño incrementa nun 30% o orzamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar 

O Concello continúa coa súa aposta polo servizo, que contará cun investimento de 600.000 euros  

No ano 2019, os 40 auxiliares socio-sanitarios de Axuda no Fogar realizaron máis de 40.000 horas


Un servizo que actualmente conta con 114 usuarios e usuarias atendidos por 40 auxiliares socio-sanitarios especializados e en formación continua
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño aposta por un modelo de Servizos Sociais Comunitarios de atención primaria no ámbito da proximidade no que a prioridade sexan os propios veciños e veciñas, un modelo no que o Servizo de Axuda no Fogar ten cada ano un papel máis protagonista. Por este motivo, o  Concello incrementou en máis dun 30% a partida orzamentaria destinada a este servizo para este ano, o que suporá un investimento total de 600.000 euros nun servizo “indispensable” que busca garantir o coidado de persoas en situación de dependencia.  

 “É un servizo de calidade que se ven ofertando aos usuarios e usuarias de servizos sociais e que non só beneficia ás persoas en situación de dependencia que están dentro do programa, senón tamén aos seus coidadores, mellorando a calidade de vida de ambos”, destaca Cristina Martínez, concelleira responsable da área de Benestar Social.  

 Un servizo que actualmente conta con 114 usuarios e usuarias atendidos por 40 auxiliares socio-sanitarios especializados e en formación continua para axustarse ás novas realidades e necesidades que poidan xurdir neste campo e mellorar a calidade do programa. Cada ano o Concello de Tomiño organiza coa empresa adxudicataria do servizo, IDADES S.L., novos cursos formativos tanto para o persoal que xa traballa no servizo como para futuras e futuros auxiliares-sociosanitarios. O ano pasado, os traballadores e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar realizaron un total de 40.000 horas para atender a demanda do programa. Precisamente, no mes de decembro pasado, recibía os seus diplomas unha vintena de persoas que realizaron o segundo curso do 2019 de axuda a persoas con Alzheimer e outras doenzas dexenerativas (foto principal).  

 O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, podoloxía, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, así como tamén axudas técnicas como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario