Carnaval e Entroido tradicional conviven no Rosal
O habitual concurso do desfile contará este ano cun premio especial co que recuperar o entroido nos barrios
Infogauda / O Rosal
Recuperar as raíces ancestrais sen renunciar ás novas tradicións. Ese é o obxectivo do Concello do Rosal, que este ano ten traballado para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito harmonioso nunha festa “con grande arraigo, trascendencia e seguimento social. Unha festa que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Por este motivo, ademais do habitual concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se fallará tras o desfile do domingo 23 (11:00 h), este ano haberá un premio especial ao entroido tradicional do Rosal.
“Queremos recuperar o entroido por barrios e recoñecer e visibilizar o gran traballo que fai toda a veciñanza implicada, xerando inercias positivas que se trasladen ao ámbito social e educativo. E para conseguir que o entroido perdure é fundamental que o sintamos como parte das nosas vidas, como parte de nós mesmos”, recalca á alcaldesa.
Dúas realidades que conviven xa hoxe en día, grazas ao entroido tradicional que se celebra en barrios como Fornelos e Novás, que comezarán coa programación de carnaval o domingo pola tarde.
Grazas á implicación da veciñanza e das comisións de festas, en Fornelos haberá ao longo da tarde pasacalles, inchables, toro mecánico e verbena, mentres que en Novás a subida do maio, os xogos populares e o chocolate quente e a rosca serán os protagonistas da tarde do domingo. Luns e martes estes barrios celebran ademais dúas das actividades tradicionais máis esperadas por veciños e veciñas, a ‘Corrida do galo’ (luns) e as ‘Frixidelas’ (martes).
Dende o Concello quérese “agradecer á veciñanza o labor por conservar estas festas e toda a historia que teñen detrás, con actividades tradicionais que foron capaces de sobrevivir e manterse co paso do tempo, con rivalidades curiosas e sans ente barrios que aínda hoxe perduran, como a coñecida entre Fornelos e Novás”.
As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das modalidades do concurso deste Entroido 2020 poderán facelo ata as 14:00 horas, do venres 14 de febreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario