28 de feb. de 2020

LABORAL

Vixilantes dos museos de Vigo reclaman o pago das débedas cunha protesta diante do Concello 

A empresa concesionaria non lles ingresou a paga extra de Nadal nin parte da nómina de xaneiro

Vixilantes de seguridade dos museos municipais de Vigo concentráronse hoxe diante do Concello 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Vixilantes de seguridade dos museos municipais de Vigo concentráronse hoxe diante do Concello por espazo de hora e media para reclamar o pago das débedas pendentes, xa que a empresa concesionaria do servizo non lles ingresou a paga extra de Nadal nin parte da nómina de xaneiro. 

 O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, explica que mantiveron un encontro co concelleiro de Cultura, Abel Losada, que lles comunicou que a empresa Seguridade Integral e Mantementos A-1 (do Grupo EME), que se encarga do servizo mediante unha UTE con Sistemas de Seguridade A-1, solicitoulles ceder o seu servizo á compañía DN24 2000, polo que se conformaría unha nova UTE, integrada por Sistemas de Seguridade A-1 e DN24 2000.  

 Dende a CIG deixáronlle moi claro ao responsábel municipal que antes da cesión do servizo a UTE actual ten que facerse cargo das débedas contraídas cos traballadores/as, “xa que no caso contrario continuaremos coas mobilizacións, sen descartar unha convocatoria de folga”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario