A Xunta de Galicia impulsa o emprego local a través de tres programas que permitirán aos concellos galegos contratar a 1800 persoas desempregadas
O Goberno galego abre as convocatorias de axudas que, cun investimento de 16M€, apoiarán a contratación de 700 persoas perceptoras da Risga; 500 desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social; e 600 para tarefas de prevención de incendios
As tres liñas de apoios enmárcanse na Axenda 20 coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende mellorar a ocupabilidade dos galegos e galegas e dinamizar o mercado de traballo
Infogauda /Galicia
A Xunta de Galicia abriu o prazo de solicitude de
tres programas que suman 16M€ e que permitirán que os concellos galegos
poidan contratar, este ano, a máis de 1800 persoas desempregadas. En
concreto, trátase das convocatorias correspondentes a persoas receptoras
da Risga, Aprol Rural e persoas desempregadas para o desenvolvemento de
obras e servizos de interese xeral e social. Estas iniciativas, xunto
con outros programas que se activaron desde que comezou o ano e que
favorecen a contratación en concellos, suman preto de 55M€.
Así, a Xunta destina este ano un total de 7,7M€ para a contratación de
persoas perceptoras da Risga, apoio do que se poderán beneficiar un
total de 165 concellos ou agrupacións de municipios. O obxectivo é
proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional
necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato
laboral que será subvencionable durante 9 meses.
Por outra parte, Aprol Rural conta
cun orzamento de 7M€ para a contratación de 600 persoas desempregadas
en 270 municipios galegos para a realización de tarefas relacionadas,
maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias
definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais
de Galicia. Terán prioridade os concellos fusionados e os
emprendedores. Como novidade con respecto a anteriores edicións, os
concellos rurais de menos de 2000 habitantes poderán contratar a persoas
que xa fosen contratadas por un período igual ou superior a 9 meses con
cargo a axudas concedidas no ano 2019 pola Consellería de Economía,
Emprego e Industria no eido da colaboración coas entidades locais e sen
ánimo de lucro. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo
completo.
Por último, o Goberno autonómico inviste 1,5M€ para apoiar en 185 concellos galegos a contratación
de 500 persoas sen emprego para a realización de obras ou servizos de
interese xeral e social co obxectivo de proporcionarlles experiencia e
práctica profesional que permita a súa inserción. Os contratos serán de
tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para
os de tempo parcial.
Estas medidas teñen como obxectivo mellorar a
empregabilidade das persoas participantes, así como apoiar a
integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o
mercado laboral galego. Enmárcanse na Axenda20 coa que a Xunta pretende
crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras
iniciativas que se están activando neste primeiro mes do ano e que
favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros
duais de emprego, no que se invisten 23,2M€ para beneficiar a 1400
persoas; o novo programa para a formación e contratación de 300 menores
de 30 anos (7M€); as axudas para a contratación de orientadores
laborais, ás que se destinarán 6,7M€ ou os Programas Integrados de
Emprego, cun orzamento específico para os concellos de 1,66M€.
Ningún comentario:
Publicar un comentario