2 de feb. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia facilita a certificación en prevención de riscos laborais a alumnos e titulados de FP

Publica no DOG unha orde na que se regula por primeira vez o procedemento e se dan resposta ás dúbidas de todas as partes implicadas


Estas certificacións facilitarán, ademais, o acceso ao mercado laboral do alumnado da Formación Profesional galega
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia
  A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se establece o procedemento para a expedición da certificación da formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais para o alumnado dos ciclos formativos de formación profesional inicial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 Esta orde regula por primeira vez o procedemento para a expedición dos certificados pola dirección do centro para o alumnado que estudia ciclos de FP (FP básica, grao medio e grao superior) do sistema educativo en Galicia. De xeito claro, establécese nunha soa norma os requirimentos, as condicións e o momento no que se deben expedir as devanditas certificacións. Aínda que estes documentos xa podían ser emitidos na actualidade, o obxectivo da orde é facilitar a expedición das certificacións ao alumnado e aos titulados da FP galega, dando resposta ás dúbidas de todas as partes implicadas: alumnado, direccións dos centros, empresas colaboradoras en FCT e en FP dual e en definitiva aos futuros traballadores que serán todas persoas tituladas en FP.

 Estas certificacións facilitarán, ademais, o acceso ao mercado laboral do alumnado da Formación Profesional galega. De feito, as certificacións emitidas consonte esta orde facultan ás persoas interesadas para o exercicio das funcións establecidas na normativa de prevención de riscos laborais.

 Cómpre lembrar, neste sentido, que segundo os últimos estudos dispoñibles a inserción laboral dos estudantes de FP, incrementouse en 4 anos en máis de 30 puntos, ata o 85,9% das tituladas e titulados no curso 2015-2016. No caso da FP Dual, tomando os datos dos titulados no curso 2016-2017, a taxa de inserción elévase ao 90,7%.

Requisitos e modalidades

 A orde establece diferentes requisitos para as diferentes modalidades de certificación de acordo coa normativa vixente ao respecto.

 Deste xeito o alumnado que estea a estudar un ciclo de FP Básica e teña cursada e superada a unidade formativa de Prevención de riscos laborais, poderá acceder a un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de trinta horas de duración (30 horas).

 No caso dos estudantes cun ciclo de FP de grao medio ou de grao superior que teñan cursado e superado o módulo profesional de Formación e orientación laboral, poderán obter un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de corenta e cinco horas de duración (45 horas).

 Finalmente o alumnado que estea a cursar un ciclo de grao medio ou de grao superior e superara a totalidade dos módulos profesionais incluídos no currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia, excepto, de ser ocaso, o módulo profesional de Proxecto, e cumpra os requisitos previstos na normativa aplicable para acceder ao módulo de Formación en centros de traballo (FCT), poderá obter un certificado de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais de sesenta horas de duración (60 horas).

 A este último grupo de estudante poderánselle expedir, asemade, outras certificacións que acrediten a recepción de formación específica no ámbito da prevención de riscos laborais acorde coa exixible en convenios colectivos, capacitacións profesionais ou profesións reguladas. Para que se emita a certificación desta formación deberá ter sido programada e impartida no centro educativo e ser superada polo alumnado. Tamén serán emitidas certificacións desta natureza naqueles casos nos que os convenios colectivos ou as normas sectoriais o recoñezan ou cando os currículos das ensinanzas así o determinen.

Procedemento

 Os certificados serán expedidos polos titulares da dirección dos centros docentes onde o alumnado estivese matriculado.

 Segundo establece a orde, expediranse de oficio antes do inicio do módulo profesional de Formación en centros de traballo, para o alumnado os requisitos legais e estea propostos para o acceso ao módulo de FCT. No resto dos casos, e sempre que se cumpran os requisitos e o estudante non continúe os seus estudos no centro, expediranse por iniciativa da persoa interesada.

 Estes certificados poderán emitirse tamén para as persoas que xa remataran os seus estudos de FP, sempre e cando cumpran os requisitos e sempre por iniciativa da persoa interesada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario