1 de feb. de 2020

A GUARDA

O concello da Guarda apoia a manifestación en defensa da sanidade pública do 9 de febreiro 

• O Concello da Guarda sitúase ao lado dos veciños e veciñas que veñen concentrándose, cada xoves, reclamando melloras na atención no Centro de Saúde guardés

• O pleno aprobou a posta a disposición de autobuses para asistir a manifëstación convocada o día 9 de febreiro en defensa da sanidade pública

Vista parcial das persoas participantes nunha das moitas concentracións que desde fai meses véñense desenvolvendo diante do Centro de Saúde de A Guarda, en demanda de maior dotación de persoal
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 No pleno celebrado o venres 31 de xaneiro, a Corporación Municipal do Concello de A Guarda aprobou por unanimidade, unha proposta da xunta de portavoces para apoiar a mobilización que terá lugar en Santiago o día 9 de febreiro ás 12 da mañá.  A corporación quere así reivindicar melloras no seu Centro de Saúde e por extensión na sanidade pública. O Concello da Guarda porá autobuses a disposición da cidadanía para asistir á manifestación. 

 Desde fai meses, un importante número de veciños e veciñas da Guarda levan concentrándose cada xoves, ás 12:00 horas,  no Centro de Saúde da localidade demandando a mellora na atención sanitaria.  

 Na actualidade hai deficiencias motivadas, principalmente, pola falla de cobertura de prazas, o que provoca unha sobrecarga nas consultas ou incluso a anulación de citas. Dende A Guarda tamén se ven reclamando dende fai anos un segundo equipo para o servizo de urxencias. 

 O servizo de atención sanitaria na Guarda, tanto as consultas ordinarias como as urxencias, é deficiente. Este problema vese agravado polo illamento que sofre a vila guardesa. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario