27 de xan. de 2020

PESCA

Hoxe comeza o prazo de matrícula para os exames de carácter libre das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente  

As probas realizaranse o vindeiro mes de abril no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

  Hoxe abre o prazo de matrícula para os exames ordinarios de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Os exames teóricos e prácticos realizaranse nos seguintes centros: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico (Vigo), Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o prazo de matriculación estenderase ata o 28 de febreiro, inclusive.

 A convocatoria e demais documentación precisa para concorrer a estas probas está publicada na web da Consellería, no seguinte enlace. No caso da titulación de mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico será o día 16 de abril nos tres centros formativos dependentes da Xunta. O mesmo ocorre coas titulacións de patrón local de pesca (sección máquinas), con data da proba o vindeiro 20 de abril, e de patrón local de pesca (sección ponte e común), coa celebración do exame o 21 de abril.

 Por último, as probas para a titulación de patrón costeiro polivalente (sección máquinas) serán o 22 e 23 de abril e de patrón costeiro polivalente (sección ponte) terán lugar o 27 e 28 de abril.

 As persoas interesadas en participar nas probas terán que cumprimentar a solicitude que figura como anexo II da Orde do 31 de xullo de 2014 e cumprir as condicións de acceso establecidas para as distintas titulacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Guía de Procedementos e Servizos en https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, pero tamén poderán tramitarse en soporte papel ou formalizarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os aspirantes.

 Unha vez finalizado o prazo de solicitude de inscrición, farase pública a listaxe provisional dos aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Consellería do Mar e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que os excluídos poidan emendar as deficiencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario