28 de xan. de 2020

O ROSAL

ORZAMENTOS PARA 2020 NO ROSAL
 


 Grupo Municipal do Partido Popular no Concello do Rosal

 O pasado venres, foron aprobados polo grupo de goberno do BNG os orzamentos, que eles chaman “do cambio”, en sesión plenaria no Rosal. 

 Por cuestións morais e de responsabilidade cara a todos os veciños e veciñas do Rosal, imos analizar os mencionados orzamentos. 

 De entrada, contan con case 200.000€ máis que o orzamento de 2019 xestionado polo PP. Por tanto, é lóxico que se destine máis diñeiro a aquelas partidas que son moi necesarias, como Servizos sociais para paliar a lista de espera en Axuda a domicilio, por exemplo. 

 Exceptuando isto, o resto que nos venden é FUME e pasamos a ver porqué desta opinión: 

 O que eles chaman PLAN  ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

- As outorgadas a Asistencia Social Primaria: aumentan en 150 € con respecto ao 2019 

- Aos Centros de ensino: Mantense a outorgada ao ANPA do CPI Manuel Suárez Marquier e auméntase considerablemente a destinada ao ANPA do CRA Mª Zambrano para subvencionar o transporte ao comedor escolar, por certo xa apalabrado polo anterior goberno. Iso si, retiráronlles o almorzo á escolares da aula madruga, din que é demagoxia pola nosa banda o que lle reclamemos que llo sigan dando (supón ao redor de 30 €/trimestre, segundo eles).

- Promoción cultural: Aumentan algo máis do 16% á Agrupación Musical do Rosal, sen dúbida, a asociación cultural por excelencia. Totalmente de acordo con iso, pero se sumamos a subvención de 2019 e as axudas que lles concedemos cando nolo pediron, o total será practicamente o mesmo. Iso si, eliminaron do seu “plan estratéxico” os 1.400€ que o anterior grupo de goberno dáballes ás Asociacións culturais máis pequenas: San Vicente, San Martiño, San Isidro,…, dinlles en que o seu lugar van promocionar estas festas… 

- Entroidos: Deféndeno a “capa e espada” pero sen subir un só euro con respecto a 2019, cando o goberno anterior facía un esforzo e subíao algo simbólico cada ano. 

- Feira do libro: Eliminan deste “plan estratéxico” o 10% que o anterior grupo de goberno subvencionaba á compra de libros neste evento (que xunto co 10% das librerías, os compradores beneficiábanse dun 20% na compra de libros). Esperemos que esta subvención recupérese. 

- Promoción e Fomento do Deporte:. Aumentan considerablemente a subvención á  S.D. Atlético de Novás, Club Ciclista O Rosal e a U.D. Ribera. Tamén estamos de acordo, pero sucede o mesmo que coa A. M.  do Rosal, se sumamos as axudas que lles demos o ano pasado en concepto de equipamentos, trofeos, campus,…, resulta practicamente a mesma cantidade. Porque iso si, con esta subvención que lles dan non poden ir solicitar ningunha axuda ao Concello, segundo dixéronnos algunhas asociacións.

- Asociación de Comerciantes do Rosal: Mantéñenlles a mesma cantidade, pero si que predican que hai que dinamizar, apoiar e axudar ao comercio local. Veremos como o fan. 

 O grupo de goberno ten a intención de levar a cultura aos barrios, proposta que apoiamos sen lugar a dúbida. Din que van a case triplicar a cantidade que o anterior grupo de goberno destinaba. Pero entendemos que a promoción cultural non se debe  parcelar, é dicir non podemos obviar outras actividades culturais. Por tanto, debemos ver a Promoción cultural, Festexos e Festas Populares no seu conxunto. De forma que, para aumentar nunha promoción cultural polos barrios, eliminaron do orzamento municipal outras partidas que antes se destinaban a Letras Galegas, Cabaqueiros ou Feira do Libro (esperemos que obteñan os recursos doutras fontes, diferentes a recursos propios). 

 De forma que se comparamos os recursos propios en 2019 e 2020 destinados á Promoción cultural, Festas Populares e Festexos, resulta: 

2019: 114.650 €     2020: 114.099 € 

 No mesmo orzamento municipal para 2020 diminúe a partida para as Festas do Pilar en case un 28% e a da Feira do Viño nun 38%, esperemos que, como antes, obteñan recursos a través doutras fontes. 

 No relativo á Xestión de residuos urbanos (Punto limpo) duplican a cantidade destinada polo anterior grupo de goberno. Argumentan que nos equivocamos de contía, cremos que é cuestión de mellorar a xestión non de aumentar o gasto. 

 Se nos referimos ao gasto orzado para Iluminación pública, manteñen a cantidade de 2019. ¡Cantas veces reprocháronnos que non tiñamos ningún proxecto de aforro enerxético! Agora teñen a ocasión, pero haberá que esperar a ver que fan, de momento non prevén cambiar nada. 

 En Formación e Emprego, diminuíron á metade a cantidade destinada en 2019 para cursos. Esa é a súa forma de atender esta necesidade. Igual tamén obteñen fondos diferentes aos propios, quedamos á espera. 

 A partida destinada á atención nas Oficinas de Turismo, cae en algo máis do 20%. Deben de crer que non é necesario atender aos visitantes ou que o período de turismo redúcese a uns días. 

 Non queremos deixar atrás ás Traídas de augas. Sempre fomos criticados pola nosa forma de traballar con elas: atender as súas necesidades. Agora farán o mesmo, á espera de, segundo eles, unhas bases para que reciban subvención municipal. 

 Por último, analicemos os publicitados INVESTIMENTOS. Din que as duplicaron, neste ano ascenden a 139.952 €. Desta cantidade, 93.000 € son con recursos propios, o resto achega de Xunta e  Deputación. E deses recursos propios, 83.000 serán destinados á parte que ao Concello correspóndelle achegar ao proxecto de  Portecelo, que como lembramos vén dun proxecto elaborado e aprobado no anterior mandato. É dicir, que si ou si teñen que investilo en ente proxecto se non queremos perder a subvención. Que queda de fondos propios para outros investimentos? A conta é fácil: aproximadamente 10.000 €.

 "O grupo municipal do PP non votou en contra dos orzamentos por dúas razóns fundamentais: por aumentar os recursos para as persoas en situación de dependencia (axuda a domicilio) e pola promoción da cultura nos barrios".

 Estes son os orzamentos do cambio, xulguen vostedes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario