Concello e Xunta de Galicia reúnense para avanzar na mellora das instalacións deportivas da Guarda
Os representantes municipais da Guarda trasladaron as demandas existentes sobre o Pavillón Municipal de Deportes de A Sangriña, valorando a necesidade dunha reforma e ampliación
Os representantes municipais da Guarda trasladaron as demandas existentes sobre o Pavillón Municipal de Deportes de A Sangriña, valorando a necesidade dunha reforma e ampliación
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, diante da Casa do Deporte, da Xunta de Galicia
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Este venres día 31 de xaneiro de 2020 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, mantiveron unha reunión co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides Alonso.
Nesta reunión que tivo lugar en Vigo, na sede da Casa do Deporte da Xunta de Galicia, os representantes municipais da Guarda trasladaron as demandas existentes sobre o Pavillón Municipal de Deportes de A Sangriña, valorando a necesidade dunha reforma e ampliación.
Segundo fontes do executivo municipal do Concello de A Guarda, "José Ramón Lete Lasa indicou que a Xunta de Galicia ten un compromiso co Balonmán Guardés, e que ven necesario unhas mellores instalacións na Guarda, ben coa realización dun novo pavillón ou ben coa reforma do actual pavillón da Sangriña, cunha disposición a participar na mellora destas instalacións".
Antonio Lomba presentoulles o proxecto de reforma e ampliación do Pavillón Municipal da Sangriña, un proxecto moi ambicioso no que se está traballando xunto cunha modificación puntual do PXOM na zona da Sangriña para habilitar terreos para un posible novo pavillón, pero indicaron que coa proposta presentada de reforma e ampliación do actual pavillón se cumprirían as espectativas.
"A Xunta comprometeuse - salientaron desde o goberno municipal - a que os seus técnicos revisarían este proxecto e que reuniranse próximamente cos representantes municipais da Guarda para analizar os resultados desta avaliación técnica, agardando por parte do Concello da Guarda que sexan favorables, indicando tamén que se continuarán realizando xestións neste ámbito para poder ter na Guarda unhas instalacións mellores, para que o Mecalia Atlético Guardés poda xogar e representar á Guarda nun sitio verdadeiramente digno e como se merece para a categoría na que está xogando".
Do mesmo xeito tamén trasladáronlle as súas preocupacións "pola situación que está a atravesar o Clube Mecalia Atlético Guardés".
Asemade as mesmas fontes indicaron: "Chegouse á conclusión que o Mecalia Atlético Guardés precisa dunha directiva forte para a busca de financiamento e poder procurar un bo patrocinador e que todas as administración tamén apoien, coas capacidades de cada unha, para garantir que nos próximos anos podan seguir xogando e manter a este equipo na elite do deporte galego, estatal e internacional".
Ningún comentario:
Publicar un comentario