13 de xul. de 2019

O ROSAL

O CONCELLO DO ROSAL ORGANIZA DIVERSAS ACTIVIDADES PARA OS CAMPAMENTOS DE VERÁN  
 

Vista parcial dos participantes no curso de primeiros auxilios
Foto: C.O.R.

 Infogauda / O Rosal

 Como cada ano, o Concello do Rosal organiza diferentes actividades para os case 100 nenas e nenos que participan nos campamentos de verán que se organizan no Rosal. Estas actividades foron as seguintes:  

CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS PARA NENOS E NENAS 

 O xoves 4, martes 9 e o xoves 11 de xullo leváronse a cabo os cursos de primeiros auxilios cos nenos da U. D. Ribera, do Acanor Novás de balonmán e co campamento do concello. Nestes cursos, impartidos por dúas voluntarias tratáronse temas como actuar con rapidez mantendo a calma, a notificación aos servizos sanitarios, tranquilizar ao ferido, e posicionamento da persoa accidentada. 

 Os lugares elixidos para as demostracións foron, as inmediacións das Aceñas para a U.D. Ribera, o Pavillón Municipal no caso do Novás e a escola unitaria de Marzán para as nenas e nenos do campamentos de verán do concello.  

III XORNADA DE INTEGRACIÓN COA ASOCIACIÓN VONTADE

 O mércores 10 de xullo a Asociación Vontade levou a cabo a III Xornada de Integración. Nesta ocasión a asociación organizou unha xincana de obstáculos co obxectivo de ensinar as nenas e nenos de forma moi sinxela que as discapacidades existen e cómo convivir con elas e integralas.  

OBRADOIRO DE IGUALDADE E CORRESPONSABILIDADE

 O mércores 3 de xullo os nenos e nenas do Novás participaron nun obradoiro de Igualdade e corresponsabilidade onde trataron os temas das tarefas do fogar e visualizaron o que supón a carga do traballo doméstico por parte das mulleres e que en ocasións non é compartido polo resto da unidade familiar.

A GUARDA

Artesanía de Galicia participa no XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia impulsando a exhibición e venda de produtos de dez artesáns  

A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabroa coa Asociación Galega de Artesáns nunha mostra que conta con pezas de cerámica, marroquinería, e bixutería, xoguetes de madeira, complementos de moda e cerería


Compoñentes da Asociación Vento Mareiro, de A Guarda, co seu posto de mostra do traxe tradicional galego
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 A localidade de A Guarda acolle ata o vindeiro domingo unha mostra de Artesanía de Galicia na que dez obradoiros artesanais de oficios como a bixutería, a marroquinería, a cerámica, xoguetes de madeira, cerería ou complementos de moda venderán e exhibirán os seus produtos no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.  

 A mostra, organizada pola Asociación Galega de Artesáns e que conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, contribúe a mellorar a comercialización do produto artesán feito na nosa Comunidade e serve de vía de promoción do traballo dos creadores que contan coa marca Artesanía de Galicia.  

 Os dez obradoiros que participan nesta feira son: Pilar Piñeiro-Cerámica (Cangas do Morrazo); os de marroquinería Mestura de Kores (Vigo), Rappa Taller (Lugo), Chueco (A Coruña) e Bruxarte (Vigo); o obradoiro de bixutería Montse Betanzos (O Grove); Las Flores de Greta (Gondomar) de complementos de moda; a cerería Obradoiro A Candelaria (Negreira); o obradoiro de xoguetes de madeira Artesanía Silvent (Caldas de Reis); e o obradoiro de traxes tradicionais e complementos de moda Liño e Lá (Gondomar).  

 O XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia está organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O seu programa inclúe, ademais da feira de artesanía, actividades de navegación, exposicións, actuacións musicais e actividades.