20 de dec. de 2019

PONTEVEDRA

APALPADOR E APALPADORA INICIAN A SÚA XIRA DE NADAL NA ESCOLA INFANTIL DE PRÍNCIPE FELIPE E NO CEIP AMOR RUIBAL, DE BARRO, DA MAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 

A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade, valores do programa ‘Nadal en galego’ que percorrerá 36 concellos durante as festas 

O Apalpador e Apalpadora iniciaron hoxe na Escola Infantil de Príncipe Felipe e no CEIP Amor Ruibal de Barro a súa xira de Nadal da man da Deputación de Pontevedra
Fotos: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Ao berro de “Apalpa a barriga!” o Apalpador e Apalpadora iniciaron hoxe na Escola Infantil de Príncipe Felipe e no CEIP Amor Ruibal de Barro a súa xira de Nadal da man da Deputación de Pontevedra. Ambas figuras visitarán durante as festas 36 concellos da provincia ao abeiro do programa ‘Nadal en galego’ do departamento de Lingua que dirixe a nacionalista María Ortega, quen hoxe quixo acompañar ás e aos escolares de ambos centros e gozar da ilusión e maxia.   

 A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade, son os valores que se pretenden fomentar coas actuación sao abeiro do ‘Nadal en galego’, levando a música, o baile e as anécdotas a tódalas comarcas por quinto ano consecutivo.   

 “Eu son o Apalpador e traio castañas asadas ás nenas e nenos que comen san”, explicaba a figura tradicional do Nadal galego ás crianzas en Príncipe Felipe e do CEIP Amor Ruibal, ao tempo que poñía en valor o comer verduras, beber leite ecolóxico e manifestaba o seu descontento pola comida ‘lixo’ e polas bebidas edulcoradas.   

 Tamén tivo tempo o Apalpador de facer ver ás e aos escolares que todas as figuras tradicionais do Nadal son homes (Papá Noel, os Reis Magos, o Lentxero,…) cando as mulleres son igualmente importantes, dando paso á súa compañeira Apalpadora entre os berros de benvida da rapazada.   




 Pola súa banda, María Ortega, que estivo acompañada pola deputada delegada de Príncipe Felipe, Noemí Outeda, na Escola Infantil, e polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, no CEIP Amor Ruibal, explicou que foi a Deputación “a que lle escribiu un correo electrónico ao Apalpador e á Apalpadora” para que viñeran a Pontevedra e pasasen polos colexios algo que, desexou, sega a acontecer nos próximos anos.   

 As actuacións do Apalpador e a Apalpadora repartiranse entre o día 20 e o 31 de decembro –a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, preferentemente en lugares ao aire libre se o tempo acompaña. Na comarca de Pontevedra serán cinco as visitas (Pontevedra, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Poio), na comarca de Vigo outras cinco (Oia, Soutomaior, Baiona, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés serán seis (Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, e Ribadumia), na comarca do Deza-Tabeirós catro (Cuntis, Lalín, Silleda, e Rodeiro), cinco na comarca do Condado Paradanta (Mondariz, As Neves, Covelo, Ponteareas, e Mondariz Balneario), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña, Cangas, e Vilaboa), tres na comarca de Caldas (Caldas, Valga e Catoira) e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).  

 O programa ‘Nadal en Galego’ está tamén deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse coa mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario