20 de dec. de 2019

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA O PORTAL WWW.ATOPO.GAL PARA FACILITAR O ACCESO A PRETO DE 700.000 REXISTROS DO PATRIMONIO CULTURAL DE 130 INSTITUCIÓNS DA PROVINCIA   

As deputadas María Ortega e Carlos L. Font destacaron hoxe o esforzo de organización, descrición e catalogación realizado por parte do persoal provincial durante máis de dous anos  
 
A  deputada de Patrimonio, María Ortega e o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos L. Font, co grupo de persoal do Arquivo, Novas Tecnoloxías e Museo de Pontevedra que traballaron na súa elaboración do novo portal e que o utilizarán como ferramenta no seu día a día  
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Dende hoxe atopar un arquivo documental ou bibliográfico, cartográfico ou audiovisual (libros, revistas, periódicos, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música…) do Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia, será moito máis sinxelo. A  deputada de Patrimonio, María Ortega e o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos L. Font presentaron hoxe formalmente o novo portal www.atopo.gal, que permitirá á cidadanía coñecer preto de 700.000 referencias públicas do patrimonio cultural ‘a golpe de click’ proporcionando un marco sinxelo de divulgación, integración e investigación.   

 Segundo explicou Ortega, ATOPO é unha ferramenta deseñada conxuntamente polo servizo de Patrimonio bibliográfico e documental e o servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación que naceu co obxectivo de achegar á poboación a información dos fondos documentais definidos como públicos e de libre acceso que existen na provincia. “É un portal de descubrimento de recursos que facilita o acceso completo aos fondos, independentemente do seu formato, localización física e procedencia institucional. Trátase dunha solución que permite consultar unha ou máis bases de datos á vez e obter respostas en intervalos de tempo mínimos”, subliñou, para engadir que a web está “viva e en crecemento” no relativo a oferta de información, xa que engadirá fondos de xeito continuo.  

 A nacionalista louvou o traballo feito polo persoal da institución provincial, a quen dixo, “non poido máis que felicitar polo inmenso, intenso e continuado traballo de organización, descrición e catalogación do patrimonio realizado durante máis de dous longos anos”.  

 Tamén se sumou aos parabéns o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos López Font, quen puxo en valor o traballo conxunto e coordinado tanto da parte técnica como do equipo de goberno co fin de sacar adiante a iniciativa. Font subliñou que a plataforma permitirá dar a coñecer moitos fondos que ata agora se descoñecían simplemente por non ter unha ferramenta axeitada para descubrilos. Insistiu, amais, que o feito de que a web estea en tres idiomas (galego, español e inglés) permitirá unha maior divulgación “por interés e necesidade dos que se preocupan do patrimonio”.   

Actualización e ‘logueo’ por parte das persoas usuarias 

 Segundo explicaron os técnicos do Arquivo José Luis Castro Carpintero e Damián Rey, ATOPO conta, a día de hoxe, con preto de 700.000 rexistros. Está baseada no motor de busca de bibliotecas libre Vufind, un software que permite ás persoas usuarias buscar e navegar a través de todos os recursos de biblioteca, substituíndo ós tradicionais, e dando un paso máis alá ó incluír recursos de tipo arquivístico. Así, conseguiuse o obxectivo inicial de integración de diversos fondos documentais e bibliográficos nun mesmo portal, chegando a manexar preto de 14.000.000 de imaxes dixitais.  

 A web presenta un buscador de termos, así como tamén a posibilidade dunha busca avanzada que permite escoller entre distintos campos: título, autoría, tipo de material ou institución á que pertence.  

 Os rexistros preséntanse con información básica de cada documento e a localización física do fondo ó que pertence e, no caso de que o obxecto dixital estea dispoñible, a persoa usuaria pode acceder ó documento dende calquera localización. Amais, unha importante característica da dixitalización é a aplicación de técnicas de recoñecemento óptico de caracteres en material mecanografado, o que facilita a labor de busca dentro dos propios documentos.   

 No inicio do portal móstrase un carrusel de documentos destacados, nos que o persoal técnico da Deputación de Pontevedra resaltará periodicamente distintas obras, co fin de que as persoas usuarias poidan coñecer, dun modo simple, toda a variedade de fondos dispoñibles.     

 O material dixitalizado configúrase o redor de seis áreas: Libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; periódicos e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.   

 ATOPO está aberto á incorporación de novos fondos e institucións que axuden a un maior enriquecemento, poñendo a disposición una ferramenta baseada en estándares bibliográficos e arquivísticos internacionais e no uso de software libre. Tamén é posible a interacción coa poboación e ‘loguear’ os contidos co persoal técnico do Arquivo e o Museo para realizar achegas.  

 A Deputación de Pontevedra, así, pon accesible para a cidadanía e tamén para as administración locais o acceso aos arquivos e rexistros administrativos, os que forman parte do patrimonio cultural de cada municipio e serven de ferramenta de transparencia institucional, conseguindo que se coñeza dun modo simple a documentación aloxada nos principais arquivos da provincia.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario