24 de dec. de 2019

LABORAL

A residencia Ballesol despide unha supervisora por pedir medidas de conciliación para o coidado dunha filla 

A CIG inicia unha campaña para denunciar a actitude machista da dirección da empresa e reclamar a readmisión da traballadora

Infogauda / Vigo

 A CIG denuncia que a residencia de maiores Ballesol de Vigo despediu disciplinariamente a supervisora de tarde o pasado 11 de decembro “sen outra razón que a de ser nai, separada, con necesidade de conciliar o seu traballo co coidado da súa filla de catro anos”. Diante disto, a central sindical puxo en marcha unha campaña para rexeitar a actitude machista da dirección e reclamar a readmisión da traballadora

 Dende a CIG sinalan que a afectada “unicamente quería poder alternar quendas de traballo coas súas compañeiras para coidar a súa filla, pero de xeito miserábel fixéronlle crer que ían acceder á súa petición nunha reunión celebrada o 4 de decembro en presenza das outras dúas supervisoras para organizar os novos horarios”. 

 Desde a CIG afirman que a directora da residencia negouse a recoller a petición por escrito de adecuación de xornada, dándolle a entender que o ían arranxar entre elas. Mais o 11 de decembro entregáronlle a carta de despido, cando se supoñía ían reunirse para deixar arranxado un horario que levaba esperando dende o verán

 “Entón comezan a difamala e alegan falta de rendemento e mala relación coas compañeiras, cando se trata dunha traballadora exemplar da que nunca se recibiu queixa; despois de ter dado o mellor no seu traballo, despois de ser moi valorada, despídena con violencia, con mentiras, con inxurias”, critican. 

 Diante disto, a CIG remitiulle un escrito á responsábel de recursos humanos do grupo Ballesol informando dos feitos e solicitando a inmediata readmisión da traballadora, pero aínda non obtivo resposta, polo que decidiu poñer en marcha unha campaña para denunciar publicamente o acontecido e rexeitar a actitude “machista e miserábel” da empresa. A campaña comezou onte cun reparto de panfletos ás portas da residencia. 

Calidade asistencial 

 Dende a central queren deixar claro que non van deixar soa a esta traballadora, ao tempo que aseguran que “non imos parar até facer xustiza e lograr que se repare o dano causado, porque non imos permitir ningunha discriminación máis ás nais”. 

 Ademais, pídenlle a familiares, persoas usuarias e persoal do centro de traballo que lle esixan á dirección o comportamento exemplar que debera agardarse dunha empresa dedicada ao coidado de maiores. “Sobre todo tendo en conta que se trata dunha compañía que emprega na súa maioría a mulleres que entregan o mellor de si, que merecen todo o noso recoñecemento e dignificación conforme á importancia da súa tarefa”. 

 Chaman a defendelas “porque son elas, coas súas mans, coa súa profesionalidade, co seu esforzo, as que garanten o benestar das persoas que viven nesta residencia, e porque sen elas este luxoso edificio, a dirección, e os cartos que cobra esta residencia non valerían para nada”. Finalmente, sosteñen que a precariedade laboral e a violencia coa que se lles trata “repercuten negativamente na calidade asistencial do centro”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario