Tomiño crea oito sendas naturais para descubrir o municipio paso a paso
• O Concello creou estes novos percorridos por case todas as parroquias, que xa están sinalizados e recollidos en Wikiloc e Komoot
• Pon en marcha un programa de andainas guiadas de balde en xuño e xullo para coñecelas
Infogauda/Tomiño
Os camiños que a veciñanza e visitantes levaban anos percorrendo de maneira espontánea xa teñen nome, sinalización e unha nova vida. O Concello de Tomiño acaba de presentar unha rede de oito sendas naturais que atravesan o municipio e que permitirán descubrir o patrimonio paisaxístico, ambiental e cultural do territorio dun xeito accesible, saudable e sostible.
O Concello levou a cabo traballos de sinalización e melloras básicas destes roteiros, detectados tras a análise dos datos de plataformas especializadas como lugares moi empregados por veciñanza e visitantes para facer sendeirismo ou actividades ao aire libre e que non contaban co acondicionamento necesario. Ademais, creáronse contas tanto en Wikiloc como en Komoot para que as persoas usuarias sigan de xeito doado, sinxelo e rápido mediante tecnoloxía móbil toda a información dos percorridos. Ademais de sinalizar estas sendas, puxéronse en valor con paneis diferentes sitios singulares de Tomiño, como o cruceiro da ponte, ponte e muíño de Forcadela; o santuario de San Campio de Lonxe; a Pedra Furada ou os Muíños da Regueira.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “este proxecto permítenos poñer en valor espazos naturais e patrimoniais que forman parte da nosa identidade e que moitas veces eran grandes descoñecidos incluso para a propia veciñanza”. A rexedora agradeceu tamén “a colaboración e boa disposición das comunidades de montes de Tomiño, fundamentais para poder desenvolver este traballo e instalar a sinalización nos seus terreos”.
Financiadas con arredor de 40.000 euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, estas oito novas sendas serán as protagonistas durante os meses de xuño e xullo no municipio. O Concello lanza o programa ‘Tomiño en marcha’, unha proposta impulsada ao abeiro da Axenda Impacto Saudable que ofrecerá andainas guiadas gratuítas e abertas a toda a veciñanza, sen necesidade de inscrición previa, para coñecer cada un destes percorridos.
A programación arrancará o 12 de xuño coa ruta do Río da Pedra, un percorrido circular de case catro quilómetros e dificultade baixa que sairá ás 20.30 horas dende a Área Recreativa da Pedra. Nas semanas seguintes desenvolveranse tamén as rutas da Pedra Furada, Alto da Pedrada, Río Penís e Viñedos, Río Furnia, Muíños da Regueira, Buracos dos Mouros e Monte Tetón, que pechará o programa o vindeiro 12 de xullo.
“Queremos animar á veciñanza a redescubrir Tomiño a través destes percorridos. Son sendas pensadas para desfrutar da natureza, facer actividade física e coñecer mellor a riqueza do noso territorio”, sinalou Sandra González. Ademais da súa vertente turística e ambiental, o proxecto busca promover hábitos de vida saudables e fomentar unha relación máis próxima e consciente coa contorna natural do municipio.


Ningún comentario:
Publicar un comentario