Juan Bautista Alonso Español protagonizará a derradeira barferencia de 2019
Sobre a figura do egrexo salcidense disertará o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez
Infogauda / A Guarda
O vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30 horas, na Cervexaría «La Bodega», terá lugar a segunda é derradeira barferencia do ciclo finais 2019. Estará a cárrego do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, quen disertará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento».
Juan Bautista Alonso Español, nado na parroquia guardesa de San Lourenzo de Salcidos no ano 1879, estudou Filosofía e Dereito na Universidade de Salamanca. Foi xurista, político, xornalista, poeta e presidente do Consejo de Estado.
Na década de 1830, momento no que se instala en Madrid, foi redactor de varios xornais, nos cales abordou diversos asuntos daquela época.
Juan Bautista Alonso Español tivo unha grande actividade parlamentaria, xa que foi deputado polas circunscricións de Madrid (lexislatura 1839), de Pontevedra (lexislaturas 1841 e 1843 segunda) e de Lugo (lexislatura 1843 terceira). En 1843 foi subsecretario de Gobernación sendo condecorado ese mesmo ano coa Cruz de Carlos III como premio aos seus servizos nese ministerio, e designóuselle para formar parte da Comisión de Códigos de 1843, aínda que renunciou ao devandito nomeamento e pasou a un discreto segundo plano.
Co regreso dos progresistas ao poder en 1854, Juan Bautista Alonso volveu a ser deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes constituíntes, desempeñando ademais ao longo do Bienio o cargo de fiscal do Tribunal contencioso-administrativo.
Logo de haberse retirado da vida pública, novamente volvería ser deputado a Cortes, esta vez por Santiago na lexislatura de 1865-1866. Tras a Revolución Gloriosa, foi nomeado consejero de Estado, destinándolle á sección de Ultramar, aínda que despois pasou a presidir a Sección de Estado y Gracia y Justicia.
Posteriormente volveu a ser parlamentario na lexislatura de 1872-1873, a que antecedeu á I República española. Nesta ocasión como senador pola provincia de Murcia. No verán de 1872 exerceu as veces de presidente interino do Consejo de Estado, alcanzando a presidencia do mesmo durante a I República española, cargo que deixou ao ano seguinte, abandonando de forma definitiva o Consejo coa Restauración.
JUAN BAUTISTA ALONSO ESPAÑOL, POETA DO ROMANTICISMO ESPAÑOL
Unha das facetas do distinguido perfil intelectual de Juan Bautista Alonso Español está directamente relacionada coa Literatura, e máis concretamente co Romanticismo, “(...) considerado o primeiro movemento cultural que cubriu o mapa completo de Europa (...)”.
Como poeta sabemos que publicou Poesías (Madrid, Imprenta de Tomas Jordan, 1834), libro de cuxa crítica literaria ocupouse Fígaro (un dos seudónimos de Mariano José de Larra y Sánchez de Castro, escritor, xornalista e político español).
Ademáis dese libro, queremos deixar constancia que Juan Bautista Alonso, publicou – alomenos en 1840, que nos teñamos constancia documental – na Revista Galaica, poemas e relatos en clave prosística da súa autoría, datados en Madrid.
Para coñecer mellor a dimensión humana e profesional do egrexo salcidense Juan Bautista Alonso Español, suxerimos ler o artigo do cronista Ricardo Rodríguez Vicente, publicado no libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, 2019.
Dende o Concello de A Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e visitantes, nun ambente distendido e de intercambio de coñecementos, de gran interese xeral, e que conta cunha ampla participación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario