17 de dec. de 2019

IGUALDADE.

A Secretaría Xeral da Igualdade bota man dos Bolechas para promover a igualdade na infancia   

• 'Os  Bolechas pola igualdade' é o título da campaña presentada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a conselleira de Educación, Carmen Pomar 

• Na presentación participaron máis dun centenar de nenas e nenos do CEIP Pío XII, o centro que gañou o primeiro premio do Concurso de Carteis do 8 de marzo, Día Internacional da Muller 

• Escolares do colexio compostelán leron algunhas das mensaxes principais da campaña e o decálogo de 'Xoguetes para a igualdade' que a Secretaría Xeral leva a cabo por segundo ano consecutivo  

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e varios estudantes do CEIP Pío XII, o centro que gañou o primeiro premio do Concurso de Carteis do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. As nenas e nenos que participaron na presentación (os que saen nas fotos) son Daniel, Catalina, Sara e Mateo

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a presentación da campaña 'Os Bolechas pola igualdade' elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero entre a poboación infantil. “Trátase de conseguir un mundo máis xusto e igualitario onde as nenas e os nenos aprendan que teñen os mesmos dereitos e oportunidades”, explicou a secretaria xeral da Igualdade Susana López Abella.  

 Xunto con ela estivo no acto a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Ambas as dúas aproveitaron a presentación da campaña  para felicitar a toda comunidade escolar do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela por ter gañado o primeiro premio do concurso de carteis do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, convocado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral da Igualdade. De aí a elección deste colexio para participar na presentación da campaña protagonizada polos Bolechas, que tampouco quixeron perderse o acto. 


 O material elaborado pola Secretaria Xeral da Igualdade para traballar coas novas xeracións un tema tan importante como é a promoción da igualdade e a non violencia consiste nun libro dos Bolechas onde se explica como mamá e papá Bolechas educan as fillas e fillos en igualdade, sendo eles mesmos exemplo e ensinándolles que, dentro da diversidade e das diferencias, nenas e nenos, homes e mulleres teñen os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades. O conto inclúe tamén unha serie de conceptos básicos para que escolares, profesorado e familias contribúan a fomentar a educación en igualdade e eliminar estereotipos de xénero. Os principais conceptos aos que se alude son a corresponsabilidade, a afectividade, o diálogo…  

 Ademais do conto, o material inclúe unha unidade didáctica para traballar nas aulas de infantil e primaria que contén un amplo abano de actividades, xogos, exercicios e tarefas para traballar os contidos reflectidos no libro, ademais dun 'Dicionario básico da igualdade' de grande axuda para explicarlle á cativada conceptos esenciais. E finalmente tamén se elaborou un caderno de actividades “para xogar aprendendo, e poder traballar a igualdade tanto na aula como na casa, xa que é máis sinxelo”, explica López Abella. 

Segunda campaña Xoguetes pola Igualdade 

 Ademais do novo material didáctico, o acto serviu para presentar a campaña  'Xoguetes pola Igualdade', que leva a cabo a Secretaria Xeral por segundo ano consecutivo co fin de sensibilizar sobre o contido sexista e violento de moitos xogos e xoguetes, acabar coa segregación de nenas e nenos nos xogos derivada duns estereotipos de xénero que persisten na sociedade e que lle transmitimos á cativada.  

 Carteis, marcapáxinas e un decálogo de boas prácticas que varias alumnas e alumnos do CEIP Pío XII recordaron hoxe no Gaiás e que están accesibles no enderezo do Portal das Mulleres, ao igual que todo material didáctico presentado  hoxe (http://igualdade.xunta.gal/gl/campanas/os-bolechas-pola-igualdade), e que será enviado fisicamente a todos os centros de educación infantil e primaria de Galicia para fomentar a educación en igualdade desde as primeiras idades.  

 A presentación da campaña rematou con varios talleres sobre igualdade a cargo dos Bolechas cos que as nenas e nenos puideron mergullarse de cheo no tema e pasalo en grande cos seus personaxes favoritos.    

20 anos cos Bolechas 

 Os Bolechas celebran o seu 20 aniversario. O primeiro libro da popular familia creada por Pepe Carreiro viu a luz no ano 2000. Desde entón, con máis de 650 títulos publicados e máis de 1.750.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de fans que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Asemade, Os Bolechas falan sempre en galego, de forma que contribúen á divulgación e á formación da poboación infantil na lingua propia, e sempre mediante o pracer e o divertimento. Isto converteunos nun referente e na serie de maior éxito da historia editorial de Galicia.  

 20 anos compartindo aventuras, soños e ilusións!

Ningún comentario:

Publicar un comentario