27 de dec. de 2019

A GUARDA

A lembranza a Juan Bautista Alonso Español centrou á derradeira conferencia de 2019

Sobre ese egrexio persoaxe salcidense disertou o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda - a dereita da imaxe - xunto ao ponente Joaquín Miguel Villa Álvarez
Fotos: C.A.G.
Vista parcial do público que asistiu á conferencia de onte

Infogauda / A Guarda 

 Coa asistencia dunha trintena de persoas, na noitiña de onte xoves día 26 de decembro celebrouse nunha cervexaría da vila, a derradeira conferencia do ciclo finais 2019.

 Despois da celebrada no mes de novembro, que versou sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e que correu a cargo de Silvia Cernadas, chegou a segunda deste ciclo, na cal o historiador local Joaquín Miguel Villa Álvarez falou sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento».

 Villa Álvarez fixo un exhaustivo repaso da vida e obra de Juan Bautista Alonso Español, un guardés nado en 1879 na parroquia de San Lourenzo de Salcidoa, que estudou Filosofía e Dereito na Universidade de Salamanca, e que exerceu como xurista, político, literato e xornalista, sendo unha das máis destacadas persoalidades galegas do século XIX.

 Ao remate desta conferencia houbo tamén unha quenda para intervencións do público onde todas aquelas persoas que quixeron, fixéronlle as súas preguntas ao conferenciante, rematando a mesma coa entrega de agasallos para o ponente convidado, e para o establecemento onde tivo lugar ese acto, realizados por usuarios da Asociación Avelaíña. 

A concelleira de Cultura e Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez - a dereita da imaxe - na súa intervención


 Tal e como o adiantou a concelleira de Cultura e Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, xa se están a preparar os novos temas para o vindeiro ano 2020, que de seguro van a espertar novamente o interese dos veciños e visitantes.

QUE OPINIÓN LLE MERECE QUE O CONCELLO REALICE CONFERENCIAS EN LOCAIS DE HOSTALERÍA?

  O fío da información anterior, desde este xornal dixital transfronteirizo queremos expresar que levamos tempo considerando que ese tipo de actos - a verba barferencia, que adoita empregar o Concello de A Guarda, non nos parece á máis oportuna - deberían desenvolverse en locais de titularidade municipal, ben sexa na Casa dos Alonso, no Centro Cultural da vila, no Museo do Mar, etc., ou en calquer outro inmoble municipal - como por exemplo no antigo colexio público Manuel Rodríguez Sinde -, pois entendemos que non hai necesidade, nin tampouco lle vemos xustificación de ningún tipo, para facelos en establecementos públicos cuxa actividade nada ten que ver con eventos desa índole. 

 Pensamos que o feito de levar unha conferencia - organizada polo Concello - a un bar, cafetería, cervexaría, taberna, etc., non aporta ningún plus ao acto en sí, que xustifique facelo nese tipo de establecementos cuxa actividade - contra a cal nada temos que obxectar -, non acostuma ter relación ningunha co tema da conferencia. Pero mesmo que a tivera, non dubidamos en afirmar que ese tipo de locais comerciais están para o que están. E ás conferencias organizadas polo Concello de A Guarda, xeralmente non forman parte da actividade habitual deses establecementos. O feito de que os titulares dos negocios acepten á proposta municipal e acollan as conferencias  - e o que as mesmas conlevan no plano organizativo -, non debera servirlle aos responsables do Concello para continuar nesa dirección.

 Que os responsables municipais veñan organizando actos culturais a desenvolver en bares, dito así xenéricamente - e insistimos, sen ánemo de molestar a ninguén - non o consideramos moi acertado. É máis, entendemos que non é políticamente correcto. 


 Pero en todo caso, se o que se pretende por parte do Grupo Municipal de Goberno do Concello de A Guarda, é achegar as conferencias aos barrios, a falta de centros cívicos municipais, hai lugares alternativos, como por exemplo as antigas escolas, as sedes das sociedades recreativas e tamén ás do movemento asociativo que contan con ese tipo de infraestructuras, na localidade. 

 Iso é o que queríamos decir desde o primeiro momento en que o Concello de A Guarda comezou a programar ciclos de conferencias en locais de hostalería. 

 Por todo o que antecede, suxerimos respectuosamente que se teña en consideración a proposta que vimos de expresar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario